

A deputada do PSdeG esixe a convocatoria urxente do Consello Forestal de Galicia, a publicación do Plan Anual de Prevención, a constitución de mesas provinciais do lume e que se lle faciliten ao Parlamento todos os datos sobre actuacións preventivas
“Cando unha conselleira chega tarde á planificación, incumpre a lei, evita a participación e oculta información, o problema non é unha mala campaña, é que a responsabilidade que ocupa lle queda grande”. Carmen Rodríguez Dacosta describiu así hoxe, no pleno do Parlamento, a política de loita contra o lume que desenvolve o Goberno de Rueda, un Rueda que, lonxe de tomar cartas ante a nefasta xestión da máxima responsable de Medio Rural, “mantena no cargo sen esixirlle resultados”.
A deputada socialista defendeu durante a sesión unha iniciativa a través da que lle reclamaba á Xunta unha serie de medidas orientadas á correcta xestión do monte e dos servizos de prevención e loita contra os incendios forestais -e que será votada mañá mércores, como comunicou o presidente da Cámara-. Entre elas, demandou que se convoque “de maneira inmediata” o Consello Forestal de Galicia e que se garanta o seu funcionamento efectivo como órgano de participación, consulta e asesoramento.
Tamén reclamou que o Goberno popular presente e publique “sen máis demora” o Plan Anual de Prevención, Vixilancia e Extinción de Incendios Forestais. Nese senso, insistiu en que eses plans se deben aprobar e publicar antes do 31 de outubro do exercicio anterior e en que, xustificar que se faga xa avanzado o ano, supón “relativizar unha obriga legal clara”.
Dacosta instou á Xunta a constituír e convocar mesas do lume de ámbito provincial, a integrar o risco de incendios nos instrumentos de planificación territorial, urbanística, forestal e de xestión de espazos protexidos, a facilitarlle ao Parlamento galego “información detallada e desagregada por distritos forestais sobre as actuacións preventivas”, a garantir a formación continua do persoal dos dispositivos de prevención e extinción, a garantir que todas as actuacións de restauración forestal conten cun plan de prevención, vixilancia e extinción e, finalmente, a cumprir as medidas que inclúe o ditame derivado da comisión parlamentaria creada tras os incendios de 2017.
”Non se está a asumir a gravidade do momento que vive Galicia”
A deputada do PSdeG censurou que a intervención dos populares “revela que, malia todo o vivido, non teñen ningunha intención de cambiar nada” e que “prefiren seguir instalados na propaganda, na autocompracencia e na ausencia absoluta de rendición de contas”. “Non se está a asumir a gravidade do momento que vive Galicia”, reprochou.
Rodríguez Dacosta criticou que o Goberno de Rueda presuma de planificación mentres “sistematicamente” pasa por enriba do prazo legal do Pladiga e mantén sen actualizar os plans “que deberan levar a prevención ao territorio”, como son os Pladid dos distritos forestais, o Peifoga e o Platerga.
Carmen Rodríguez Dacosta tamén se referiu ao número de efectivos dedicados á loita contra o lume. “Queda claro que a cifra de 7.000 é propagandística, digan o que digan, porque cando se consultan os documentos oficiais da propia Xunta sitúase arredor dos 5.300”, afirmou.
“E cando todo isto estoura, cando a realidade xa non se pode maquillar, chegan os ceses, en plenas festas do Nadal, sen explicacións e tentando que pasen desapercibidos”, asegurou sobre a as destitucións de tres altos cargos da consellería, “que non corrixen nada” porque “non se asumen responsabilidades políticas reais”.