Carmen R. Dacosta acusa ao PP de “esquecer” as 123 medidas aprobadas no Parlamento en 2018 e incumprir a proposta socialista aprobada en 2022
A portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, denunciou hoxe o “incumprimento reiterado” por parte da Xunta dos acordos parlamentarios en materia de incendios forestais. Dacosta presentou unha pregunta oral na Comisión de Agricultura na que alertou de que o desleixo do goberno galego en materia preventiva está detrás do “desastre” deste verán.
Dacosta acusou ao goberno galego de negar a información sobre o cumprimento das 123 medidas aprobadas no Parlamento logo da Comisión de Estudo da Política Forestal e que contou daquela co apoio dos socialistas galegos. Un apoio, sinalou, que non se ve respondido co compromiso do goberno galego, que deixou aparcados os compromisos durante 7 anos e que derivou na maior vaga de lumes dende que hai rexistros.
Tampouco cumpriron co compromiso aprobado en 2022 a iniciativa do PSdeG con “medidas concretas e perfectamente asumibles para construír un sistema sólido baseado na planificación a medio e longo prazo, a prevención continua e a integración das conclusións da Comisión de Estudo de 2018.
Criticou que o PP se manteña enrocado en facer caso das propostas e rexeitar calquera proposta para dar conta do seu grao de cumprimento, condenando a Galicia a “seguir ardendo cada ano” porque, advertiu, “a política de incendios non pode depender das emerxencias, senón da prevención, da ordenación e da profesionalización”.
Acusou ao goberno galego de consolidar un modelo de prevención e extinción de incendios “fragmentado, estacional e dependente das emerxencias, que se repite ano tras ano con idénticos resultados”. Denunciou que “seguimos sen Plan Forestal Operativo, sen Plans de Ordenación dos Recursos Forestais e cun Pladiga que se presenta tarde e sen escoitar aos concellos e aos profesionais do sector.
A responsable socialista esixiu un servizo “público, único e profesional de prevención e extinción”, que manteña un modelo de prevención “continua e integral” durante todo o ano, a partir dunha “ordenación e planificación forestal efectiva” e que garanta a “transparencia, participación e avaliación” continuada.