
Lara Méndez esixe “políticas transformadoras que consoliden o comercio” galego mentres o PP reduce e deixa sen executar as partidas de impulso do sector
A portavoz de Comercio do Grupo Socialista, Lara Méndez, denunciou hoxe a falla de impulso ao comercio local e artesanal por parte do goberno galego, que se traduciu no peche de 500 comercios cada ano “dende que goberna o PP”. A responsable socialista presentou unha proposición non de Lei na Comisión de Industria do Parlamento para que a Xunta analice a baixa participación no programa de axudas á innovación e sostibilidade do comercio local, que foi rexeitada polo PP.
Méndez presentou esta iniciativa logo de constatar que o goberno galego só executou en 2024 dous millóns de euros dos catro que figuraban na convocatoria de axudas, apenas a metade, e no canto de analizar os motivos para reformular o programa, o que fixeron en 2025 foi reducir a partida en medio millón de euros.
Explicou que en Galicia hai 32.000 establecementos comerciais, que dan emprego a 107.000 persoas, e estas axudas só chegaron a 402 entidades, polo que “só se beneficiaron o 1,3 por cento dos establecementos”. Afeoulle ao PP que saque peito de que en 2025 teñan pasado do 1,3 ao 2,6 por cento dos establecementos, o que malia supor duplicar os comercios, o resultado final resulta “pírrico”.
Esixiulle ao goberno galego que se tome en serio a este sector e poña en marcha “políticas transformadoras que consoliden o comercio”, e deixen de “fiar toda a súa estratexia ao Plan Estratéxico do Comercio”, que ten un impacto final real moi limitado. Explicou que o Plan conta cun Orzamento de 320 millóns de euros para os anos 2025-2030, pero só prevén asignar 44 millóns de euros entre 2025 e 2026, o que supón apenas 22 millóns de euros ao ano.
A parlamentaria socialista considera incomprensible a negativa do PP a esta proposta na que reclamaba un estudo que avalíe a baixa participación e o baixo número de beneficiarios deste programa de axudas e a continuación tome medidas correctoras para buscar unha maior participación, aumentando os establecementos beneficiarios.