

Aitor Bouza critica que Educación leva dende 2019 aplicando modificacións orzamentarias para reducir as partidas deste programa á metade, o que supón 30 millóns menos só nos dous últimos exercicios
O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Aitor Bouza, acusou hoxe á Consellería de Educación de levar a lo menos dende 2019 retirando sistematicamente a metade das partidas orzamentarias do programa de prevención do abandono escolar. Na comparecencia da directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa no Parlamento criticou a hipocrisía política da Xunta, que sitúa a loita contra o abandono como eixo da súa xestión ao tempo que lle retira fondos ano tras ano.
Explicou que a Xunta está sistematicamente retirando fondos do programa 423B do Orzamento de Educación, que corresponde cos programas de prevención do abandono escolar, que supuxo a perda de 30 millóns de euros só nos orzamentos de 2024 e 2025. Sinalou que o propio Consello de Contas ten dado a voz de alarma respecto da xestión dos programas de prevención do abandono, nos que ademais deixaron sen executar 42,4 millóns de euros entre 2015 e 2020.
Bouza subliñou que “os datos evidencian que no seu histórico deixaron moitos cartos polo camiño” nun exercicio de “trilerismo orzamentario”, e preguntou “onde foron a parar eses fondos” que retiran dos programas propios. Denunciou neste sentido que a Xunta ten suprimido iniciativas fundamentais como a Rede de Acompañamento e Orientación Persoal e Familiar de Galicia -Raogal-,”deixando sen alternativa a centros e alumnado vulnerable”.
Resumiu que a Xunta está a reducir as partidas orzamentarias dos programas de prevención do abandono escolar e suprimindo programas como o Raogal, que dependía de fondos propios, mentres veñen ao Parlamento a anunciar un proxecto de aplicación da Intelixencia Artificial no ensino que depende de fondos do Estado.
Sinalou que a Xunta “non pode quedarse mirando ás outras administracións para desenvolver estes programas”, e esixiulle ao goberno galego que empregue os recursos propios para loitar efectivamente contra o abandono escolar, ademais de apoiar ao alumnado con necesidades educativas reforzando a plantilla de profesorado.