Carmen R. Dacosta sinala que o goberno galego incumpre a lei porque “non quere dar información para que non exista control”
Explica que nos 16 anos de goberno de Feijóo e Rueda reduciron un 6 por cento os postos de traballo rexistrados en Galicia
A portavoz de Emprego do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, denunciou hoxe no Parlamento que a Xunta leva xa 5 anos incumprindo a Lei ao non convocar os consellos de emprego autonómico, provincial e territorial. A responsable socialista presentou unha Interpelación no Pleno na que criticou que o goberno galego “non quere dar información para que non exista control”.
A responsable socialista lembrou que estes órganos están regulados no decreto 192/2011, que sinala que o Consello Autonómico de Emprego deberá reunirse cada 6 meses, e os provinciais e territoriais cada 3, pero a Consellería de Emprego aínda non os convocou nin este ano nin en toda a Lexislatura pasada. Lamentou a “falla de vontade política” da Xunta por abrir a participación social no deseño das políticas de emprego para “aplicar a política do dedazo e de costas á realidade”.
Dacosta explicou que o Consello Autonómico está integrado pola Consellería, as organizacións sindicais, o servizo de emprego estatal e a Inspección de Traballo, e conta con funcións consultivas para deseñar as políticas activas de emprego do goberno galego. Tamén é o órgano encargado de informar sobre a memoria anual do Servicio Público de Emprego -SEPE- de Galicia e analizar a información relativa ao mercado de traballo.
Contrastou a opacidade dun goberno galego que actúa “en solitario, sen transparencia, sen diálogo nin rendición de contas” coa xestión do goberno do Estado, que si que cumpre coa Lei e mantén activas á Comisión Executiva Territorial do SEPE ou a Comisión Territorial de Galicia. Criticou que a Xunta quere “impedir o control dos fondos e cuotas das achegas dos traballadores e traballadoras de Galicia, así como da inserción dos cursos de formación e as políticas activas de emprego”.
Fracaso das políticas de emprego
Carmen R. Dacosta puxo enriba da mesa os datos do “fracaso” das políticas de emprego do goberno galego, que nos 16 anos de goberno de Feijóo e Rueda reduciu un 6 por cento os postos de traballo rexistrados en Galicia. Sinalou que se a política do PP no goberno galego tivera uns resultados semellantes á media do Estado, hoxe habería 111.924 postos de traballo máis en Galicia.
Ademais, durante os gobernos do PP a media de parados de longa duración foi do 50 por cento, xa que máis da metade dos parados e paradas estiveron máis dun ano sen traballo, cando en 2008, baixo a presidencia do socialista Pérez Touriño, eran o 29 por cento.
Ademais, actualmente as traballadoras galegas son as segundas que menos cobran por hora en todo o Estado, cunha fenda de 5.000 euros ao ano, e o 27,6 por cento dos mozos e mozas teñen un contrato a tempo parcial nesta Comunidade Autónoma, que é a cuarta do Estado coa taxa de actividade máis baixa.