Luís Álvarez critica que o material repartido tampouco “cumpría a normativa sanitaria”
O voceiro de Educación do Grupo Socialista, Luís Álvarez, vén de denunciar o reparto de máscaras con simboloxía dun partido político no CEIP San Xoán de Becerreá: “A actuación é grave e deplorable”. Fíxoo, hoxe, na Comisión de Educación do Parlamento, durante a presentación dunha pregunta ao goberno galego.
“Todos sabemos que hai que ser especialmente escrupulosos co material sanitario e, neste caso, estamos a falar dun material que se repartiu nun centro educativo, que non cumpre a normativa sanitaria e que contén simboloxía dun partido político”, criticou Álvarez.
O responsable socialista trasladou este problema ao Parlamento logo de saber que “en datas recentes se ten producido o reparto dun material para a prevención da covid no CEIP San Xoán de Becerréa por parte do profesorado e que este inclúe simboloxía do partido político Galicia Sempre, que figura inscrito como tal no rexistro do Ministerio do Interior dende o 18 de marzo de 2019”.
Así, Álvarez sinalou que “non se trata dun reparto de material institucional, nin da Xunta de Galicia, nin da Consellería de Sanidade, nin da Deputación de Lugo, nin do Concello de Becerreá”, senón que “é material dun partido político”, co que “a Xunta debe tomar cartas no asunto” e “aclarar a situación”, dado que é “intolerable” realizar esta actuación nun centro de ensino.
Nesta liña, o responsable socialista instou á Xunta a aclarar se xa tiña coñecemento deste feito “irregular”, así como a explicar as medidas que van a adoitar para atallar “unha actuación incorrecta”.