Silvia Longueira cualifica de “alarmante” unha demora que, segundo o Colexio Oficial de Médicos, podería alongarse ata dentro dun decenio
A deputada alerta de que manter a provisionalidade de espazos e dotacións podería afectar á excelencia dun complexo que hoxe está á vangarda sanitaria
A deputada do PSdeG Silvia Longueira alertou hoxe no pleno do Parlamento de Galicia do “grave incumprimento” dos prazos establecidos para as obras de ampliación do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac), unha demora que está a causar preocupación non só entre a cidadanía, senón tamén entre o persoal sanitario. De feito, segundo o Colexio Oficial de Médicos da Coruña, ao ritmo actual, os traballos poderían alongarse ata dentro de dez anos, mantendo na provisionalidade espazos e dotacións que hoxe están “á vangarda” da medicina.
A parlamentaria socialista recordou que en marzo de 2022 o entón presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, se comprometeu a ter lista o 80 % do complexo no 2025, pero chegado este ano a “demora evidente” está a causar inquedanza no conxunto da área sanitaria da Coruña. O Chuac constitúe a maior infraestrutura sanitaria de toda Galicia e presta atención a 550.000 persoas, ademais de ser centro de referencia nacional para varias especialidades.
Cando se asinou o convenio entre o Concello e a Xunta para acometer a ampliación, hai xa tres anos, comprometéronse máis de 430 millóns de euros por parte da Administración galega, e 22 millóns que a local desembolsaría conforme se fosen presentando as certificacións das obras referidas aos accesos viarios. “A realidade é que a día de hoxe só se certificaron 570.000 euros”, lamentou Longueira.
A situación está a provocar, segundo advertiu, que se teñan que adiar novas incorporacións e novas áreas de investigación ata o momento en que o novo Chuac estea operativo. A situación, asegurou a deputada, é de “emerxencia”, polo que reclamou á Xunta explicacións sobre os motivos do “evidente atraso de cando menos tres anos”.