A deputada Patricia Iglesias avanza que van solicitar, un por un, todos os expedientes relacionados coa actividade da Sociedade Impulsa e doutras entidades como Recursos de Galicia desde a súa constitución, modificacións societarias e informes técnicos, convenios, actas, memorandos ou calquera documento que poida acreditar a súa xestión, incluindo o pacto secreto con Altri
Anuncia que “imos recorrer ao Portal de Transparencia, e se non responden acudiremos á Comisión Galega de Transparencia”
O Grupo Socialista denuncia a falta de transparencia e o escurantismo que envolve a actividade da Sociedade Impulsa Galicia, a empresa mixta creada pola Xunta de Galicia, da que non se sabe que fixo dende a súa creación na que se están a detectar irregularidades e prácticas cuestionables, a maioría desveladas por un traballo de investigación dos medios de comunicación e non por iniciativa do propio Goberno galego.
“Fomos os primeiros en advertir que algo cheiraba mal nesta empresa. E, cada vez que se levanta unha pedra, atopamos máis escándalos”, sinala a deputada Patricia Iglesias, que lembra que Impulsa Galicia naceu envolta nun memorando confidencial sobre o proxecto de Altri, sen acceso público nin control parlamentario. “Non cumpriron o artigo 9 da Lei de Transparencia, e iso xa é un síntoma moi grave”, subliña.
A socialista considera intolerable que se manexen fondos públicos sen garantir os mecanismos de control e rendición de contas mínimos. “Segundo o que se publicou hai indicios preocupantes de contratacións opacas, sen garantías mínimas de concorrencia, e con empresas ligadas a entornos afíns ao PP, e proxectos con repercusión ambiental e económica sobre os que os galegos e galegas non poden opinar nin coñecer en detalle”.
Iglesias avanza que o Grupo Socialista vai solicitar, un por un, todos os expedientes relacionados coa actividade da Sociedade Impulsa e doutras entidades como Recursos de Galicia: desde os contratos asinados ata os informes técnicos, convenios, actas, memorandos ou calquera documento que poida acreditar a súa xestión. “Imos recorrer ao Portal de Transparencia, e se non responden acudiremos á Comisión Galega de Transparencia. E se segue o silencio, estudaremos vías xudiciais por vulneración da lei”.
Ademais, lembra que Galicia está á cola en calidade de goberno e transparencia, segundo o Índice Europeo de Calidade de Goberno (EQI) elaborado pola Universidade de Gotemburgo e recollido no Informe de Cohesión Económica, Social e Territorial da UE. “O PP leva máis de quince anos suspendendo en rexeneración democrática e integridade institucional. É unha asignatura pendente que Galicia non pode seguir adiando”.
O Grupo Socialista esixe que a Xunta cumpra coas recomendacións do Consello de Contas, que no seu último informe constata que moitas das súas propostas en materia de prevención da corrupción seguen sen ser adoptadas. “Non hai estratexia de integridade, non hai normativa sobre portas xiratorias nin sobre lobbies, nin sequera un plan serio de prevención de riscos”.
“Non imos permitir que Impulsa se converta no novo exemplo de porta xiratoria, favores e intereses cruzados. Galicia merece claridade, non unha sociedade que opera baixo o paraugas da opacidade. O que está en xogo é a confianza da cidadanía na política”, subliña Patricia Iglesias.