
Elena Espinosa: “Non podemos ignorar que experiencias doutros territorios nos teñen que servir de advertencia”
A deputada do PSdeG reclamou “un sistema rigoroso de control e avaliación” dos concertos que mantén a sanidade pública galega para asegurar a calidade asistencial
A portavoz socialista de Sanidade no Parlamento galego, Elena Espinosa, alertou hoxe durante a sesión plenaria da “crecente externalización de servizos” por parte do Sergas, que, asegurou, vai acompañada dun aumento de derivacións de pacientes a centros hospitalarios privados. A deputada do PSdeG advertiu do impacto desa tendencia sobre a capacidade da sanidade pública de Galicia, e reclamoulle á Xunta que garanta o acceso da cidadanía a unha atención “de igual calidade, independentemente de quen execute a prestación”.
“Non podemos ignorar que experiencias doutros territorios nos teñen que servir de advertencia”, subliñou Espinosa en relación co cuestionamento das listas de espera, os criterios de derivación, as cargas de traballo, a falta de transparencia na xestión e alertas de malas praxes “que poderían comprometer a saúde dos pacientes” que se vén de producir nun hospital do Grupo Ribera en Madrid.
Nunha pregunta parlamentaria, Elena Espinosa explicou que Galicia ten dous concertos substitutorios do total de seis que hai en España. “Por certo, é a única comunidade autónoma que ten dous”, puntualizou. Ademais, outros sete teñen concerto parcial. Por iso, a deputada socialista ve “imprescindible” abordar a situación dos concertos sanitarios en Galicia “con claridade”. Nese senso, reclamou unha comparecencia monográfica do conselleiro co fin de que dea “explicacións con gran detalle”.
“É obrigación da Administración garantir que toda prestación financiada con recursos públicos cumpra cos estándares de calidade e seguridade”, advertiu para esixir “un sistema rigoroso de control e avaliación”. Elena Espinosa defendeu que se debe asegurar que a calidade asistencial “non se resinte nin se dilúe” cando se contratan servizos a terceiros. Trátase de algo necesario “en calquera caso, pero moi especialmente en sanidade”, dixo.