Lara Méndez reclámalle ao goberno galego que “poña medidas enriba da mesa” para impulsar o relevo xeracional e reteña o persoal cualificado no sector turístico e hostaleiro
A portavoz de Turismo do Grupo Socialista, Lara Méndez, lamentou hoxe a “explicación penosa” do PP para evitar apoiar a proposición non de Lei que levou hoxe ao Parlamento para pedirlle á Xunta que estude por que o persoal cualificado da hostalería formado en Galicia decide marchar a traballar fóra. Méndez emprazou ao goberno galego que “poña medidas enriba da mesa para resolver o problema real da falla de man de obra” no sector.
A responsable socialista afeoulle ao portavoz do PP que empregue unha “explicación perversa e tendenciosa” e presentando “a máxima absurdez” para rexeitar esta proposta en positivo que buscaba darlle resposta á situación do sector, que tendo persoal formado á hora da verdade non atopa persoal cualificado para traballar.
Advertiu que 1 de cada 4 hoteis galegos están en venta ou traspaso, o que supón que 225 hoteis galegos están abocados ao peche pola falta de relevo xeracional e porque non atopan persoal para traballar. Alertou de que de continuar con este ritmo de desaparición de hoteis, casa de turismo rural, hostais ou albergues, “acabará sendo todo vivendas de uso turístico”, o que provocará a perda de asentamento no rural, de postos de traballo e de conservación do entorno.
Méndez puxo o foco sobre a situación deste sector, que malia contar cun Centro Superior de Hostalería, que formou a máis de 2.500 profesionais dende 1995, os establecementos “teñen que tirar de xente sen formación para cubrir os postos de traballo”.
Salientou que “hai un desfase que costa entender” entre a oferta e a demanda de profesionais da hostalería, polo que emprazou ao goberno galego primeiro a analizar o que sucede para poñer a continuación medidas enriba da mesa para “paliar a falla de relevo xeracional” a través dun traballo transversal entre as diferentes consellerías.