Lara Méndez reclama máis esforzo na defensa dos usuarios e os dereitos dos traballadores e traballadoras
A portavoz de Turismo do Grupo Socialista, Lara Méndez, advertiu hoxe que a Xunta está a centrar o Plan de Inspección de Turismo “aos libros de visitas e á boa vontade dos usuarios e usuarias”. Así o dixo na comparecencia do director xeral da Axencia de Turismo de Galicia para presentar o Plan de inspeccións do sector que Méndez sinalou que está excesivamente centrado nas tarefas de asesoramento e pedagoxía e reclamou un “control exhaustivo”.
Méndez sinalou que o Plan de inspección “ten que funcionar e dar resultados, porque do contrario é fialo todo á boa vontade dos usuarios para que fagan as reclamacións”, cando non teñen por que saber a situación legal dos establecementos. Lembrou que a obriga da Xunta é precisamente garantir a legalidade para evitar o intrusismo e eliminar o turismo clandestino, que “non se vai plasmar nas follas de reclamación”.
Explicou que a Xunta é quen ten que vixiar a existencia desta irregularidades que derivan en guías turísticos non acreditados, a competencia desleal dos establecementos e a oferta turística á marxe da legalidade, así como a prestación de información inadecuada, ofertas que incumpren a lexislación e poden derivar en problemas de seguridade ou publicidade enganosa.
Reclamoulle ao goberno galego que poña o foco no persoal traballador no sector, que “ás veces non está declarado” e nunhas condicións laborais moi por debaixo da norma. Ademais, advertiu da necesidade de ter en conta a incidencia das Vivendas de Uso Turístico tamén para este persoal, que teñen que traballar en zonas turísticas nas que non atopan vivenda residenciais e vense obrigados a asumir prezos inasumibles e polo tanto teñen que rexeitar o traballo.
A responsable socialista sinalou que os “bos números do turismo galego poden ser aínda mellores cunha boa inspección, que redunde no incremento das cifras buscando o equilibro e a convivencia entre turistas e residentes. Pediulle ao goberno galego que cumpra coa súa obriga de vixilancia para “garantir un turismo de calidade, sostible, respectuoso, equilibrado e que serva para dinamizar a economía galega”.