Julio Abalde reclama un modelo “á altura dos desafíos do século XXI” con “máis ambición, máis innovación e máis compromiso”
O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Julio Abalde, advertiu hoxe que a oferta de campamentos de verán da Xunta permaneza “ancorada nun catálogo antigo, sen apenas variación” e cada vez máis allea á realidade dos rapaces e rapazas galegos. Así o dixo na comparecencia da directora xeral de Xuventude no Parlamento para dar conta da programación deste ano.
O responsable socialista reclamou “máis ambición, máis innovación e máis compromiso” para atender á “realidade social e xuvenil” que “mudou radicalmente” dende o inicio desta iniciativa, que sen embargo “permanece practicamente inalterada, ancorada nun catálogo que se repite ano tras ano sen apenas variación”. Pediu un modelo “á altura dos desafíos do século XXI” e dunha mocidade cunha realidade e un entorno diferentes.
Dixo que “a xuventude galega enfróntase a unha precariedade estrutural, a un éxodo demográfico silencioso e a unha transformación tecnolóxica que impacta na súa maneira de aprender, de relacionarse e de participar”. Sinalou que mentres comunidades autónomas como Euskadi, Navarra, Cataluña ou mesmo Castela e León fan esforzos por adaptarse á nova situación, “Galicia queda pendurada dun pasado de ocorrencias do que non da saído”.
Propuxo adaptar novas liñas temáticas, como campamentos tecnolóxicos, culturais, de activismo ambiental e de emprendemento xuvenil, ofrecidas a través de novos medios de difusión con campañas específicas en institutos, centros sociais e medios locais.
Abalde salientou a urxencia de crear un fondo de bolsas cen por cen gratuítas para familias vulnerables, implantar un sistema de transporte subvencionado dende as cabeceiras comarcais e a posta en marcha de campamentos de proximidade comarcais. Finalmente, pediu unha estratexia de conexión coas políticas europeas de mocidade para que os participantes poidan continuar con programas europeos como o Erasmus+ Xuventude, o Corpo Europeo de Solidariedade.