Carmen R. Dacosta sinala que 3 de cada 10 parados levan máis dun ano sen emprego, en 42.000 fogares non hai ninguén con traballo e Galicia é unha das 4 autonomías con menos mozos ocupados
A portavoz de Emprego do Grupo Socialista, Carmen R. Dacosta, alertou hoxe de que o “fracaso” das políticas laborais da Xunta provocou a caída dos postos de traballo en Galicia, ata o punto de que nos últimos 16 anos creou 112.000 empregos. Así o dixo no debate dunha moción para pedirlle ao goberno galego que convoque o Consello de Emprego que leva 5 anos sen reunir, e que foi rexeitada polo PP.
A responsable socialista advertiu que o nivel de emprego en Galicia reduciuse un 6 por cento dende a chegada do PP á Xunta en 2009, en contra da tendencia crecente do resto do Estado, onde aumentou un 3,2 por cento. Explicou que estas cifras tradúcense en que Galicia sumou 111.924 postos de traballo perdidos pola inoperancia do PP no goberno galego, cun mercado laboral en peores condicións que o resto do Estado.
Dacosta engadiu que o paro de longa duración representa a “crónica do fracaso estrutural da Xunta de Galicia”, onde a metade dos desempregados levan máis dun ano sen atopar traballo e hai 42.400 fogares nos que non traballa ninguén mentres a Consellería de Emprego os deixa desatendidos “sen medidas efectivas, sen itinerarios personalizados e sen acompañamento”.
Ademais, a falla de resposta do goberno galego aboca á mocidade á precariedade laboral ou directamente á emigración na busca de emprego. Galicia é unha das 4 comunidades autónomas con menos mozos e mozas traballando, cunha caída do 13,9 por cento entre 2008 e 2024, e unha taxa de desemprego do 20 por cento. Ademais, Galicia é a segunda Comunidade Autónoma na que as mulleres cobran menos, en torno a 5.000 euros menos ao ano que os homes.
Resumiu que mentres o desemprego xuvenil está desbordado, o paro de longa duración cronifícase e a fenda salarial é intolerable, o desleixo do goberno galego provoca que falten traballadores cualificados pola súa “falla de planificación, de anticipación e de coordinación entre as políticas de emprego e de formación”.
Esixiulle ao goberno galego que “deixe de agochar realidades e de evitar a rendición de contas” pola súa falla de xestión e reclamou a convocatoria inmediata dos consellos de emprego autonómico, provinciais e territoriais aos que está obrigada por Lei.
Explicou que está obrigada por Lei a convocar o Consello autonómico cada 6 meses pero leva a 5 anos sen reunilo, e lamentou a “falla de vontade política” da Xunta por abrir á participación social no deseño das políticas de emprego para “aplicar a política do dedazo e de costas á realidade”.