Aitor Bouza alerta de que o goberno galego repite os problemas do curso pasado, con rapaces “tirados” nas paradas sen sitio no bus e escolas que teñen que adaptar o horario lectivo ao transporte escolar
O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Aitor Bouza, criticou hoxe o desleixo do PP dende o goberno galego fronte ao “caos estrutural” rexistrado un ano máis no transporte escolar. Bouza presentou unha proposición non de Lei na Comisión de Educación do Parlamento para que a Xunta dea resposta ás queixas dos usuarios do transporte escolar que foi rexeitada polo PP.
O responsable socialista acusou ao PP e ao goberno galego de mirar para outro lado cando hai rapaces e rapazas que “quedan tirados” cada día nas paradas de bus porque non teñen prazas suficientes.
Bouza afeoulle ao PP que reduzan as incidencias a “cuestións puntuais” porque, advertiu, que “un bus chegue tarde un día é puntual, pero que haxa alumnado que perda 50 minutos de clase tódolos días non é puntual: é un problema estrutural”. Aludiu así aos centros de Vilagarcía ou de Miño, entre outros, que teñen que modificar os horarios lectivos e perder unha hora de clase cada día para que os rapaces e rapazas poidan chegar ao transporte.
O responsable socialista esixiulle ao goberno galego que responda “en tempo e forma” ás reclamacións dos pais e nais polas incidencias nos autobuses escolares que se repiten cada curso, e criticou que aludan constantemente a un informe sobre a situación do transporte escolar que “non queren amosar” no Parlamento.