

Patricia Iglesias alerta de que Galicia medra menos que España e reduce a produtividade, e esixe “menos propaganda, máis execución e máis industria real”
A portavoz de Industria do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, criticou o fracaso na xestión da política económica e industrial do goberno galego, que está a desbotar ferramentas fundamentais para o impulso económico como é o Igape. Iglesias interveu na comparecencia da directora xeral do Igape no Parlamento, á que lle afeou a xestión “continuísta” do ente, que “fracasa no impulso ao salto estrutural que precisa a industria galega”
Iglesias criticou a “autocompracencia” do goberno galego, ao que lle reclamou “menos propaganda, máis execución e máis industria real”. Salientou que os informes do Foro Económico e os datos do IGE coinciden na diagnose de fracaso da xestión económica por parte do goberno galego, xa que Galicia medra a menor ritmo que a media española, a produtividade está por debaixo da media, a intensidade innovadora é “limitada” e o dinamismo industrial resulta “insuficiente”.
Advertiu que “Galicia necesita ambición, execución e foco, e non autobombo” por parte do goberno galego pero lamentablemente a xestión do Igape rexistra unha excesiva burocratización e xestiona axudas dispersas sen impacto real. Reclamou así maior impulso por parte do goberno galego para reforzar a internacionalización da economía galega, garantir apoio financeiro ao tecido industrial e acompañar ás empresas exportadoras.
A responsable socialista sinalou que a baixa execución orzamentaria supón un “verdadeiro problema estrutural” para a economía galega, que afecta sinaladamente ao investimento produtivo, a modernización económica, a dixitalización empresarial ou aos instrumentos financeiros industriais. Alertou de que “non podemos permitirnos unha política industrial a medio gas” por un goberno que deixa expedientes desertos, ampliacións de prazo sen xeito e atrasos administrativos.
Reclamou o impulso da execución orzamentaria, un foco industrial real e a territorialización efectiva dos fondos de transición enerxética xusta, así como transparencia nos Plans Industriais Estratéxicos dos grandes proxectos e unha resposta firme ás tensións comerciais internacionais. Sen embargo, o que ofrece o PP é “execución insuficiente, rectificación tardía nas axudas e un proxecto estrela rodeado de opacidade e controversia xudicial en alusión a Altri.
Altri
Puxo ao proxecto errado da macrocelulosa da pasteira portuguesa prevista para Palas de Rei como exemplo do fracaso e da falla de proxectos industriais por parte do goberno galego. Un proxecto que, resumiu, foi creado a través dunha sociedade opaca creada ad hoc, coa que asinaron un memorando segredo que a día de hoxe seguen sen facer público e que se ten topado cunha sentenza do TSXG que coindena á Xunta por desprotexer deliberadamente o territorio afectado.
Advertiu que “non se pode construír unha política industrial moderna debilitando a protección ambiental e xerando inseguridade xurídica”, e sinalou que “algo falla no modelo” se logo de 16 anos de xestión o seu único gran proxecto remata “rodeado de polémica, opacidade e controversia xudicial”. Esixiu unha industria moderna que sexa “sostible, transparente, compatible co medio e socialmente lexítima”.