Carmen R. Dacosta censura que a Xunta deixa sen gastar a metade do orzamento de emprego cando hai 120.000 demandantes de emprego e 12.728 vacantes que non dan cuberto: “un luxo inaceptable”
A portavoz de Emprego do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, denunciou hoxe que a Xunta reduza 2 millóns de euros nos orzamentos da Consellería de Emprego cando cada semana marchan de Galicia 350 traballadores. Cualificou a comparecencia do conselleiro de Emprego no Parlamento de “‘déja vù’ político: mesmo discurso, mesmo problema, nula solución”.
Advertiu que Galicia pechou 2024 con 12.728 vacantes de emprego que o goberno galego non foi quen de cubrir con ningún dos 120.000 demandantes de emprego que enchen as oficinas de emprego porque “o que falla é o sistema público de emprego” xestionado pola Xunta. Criticou a falla de impulso do conselleiro, que permanece impasible mentres Galicia ten un saldo migratorio negativo de 18.600 traballadores e traballadoras que marcharon en 2024, o cuarto peor do Estado.
Alertou da escasa execución das partidas destinadas a emprego que, lembrou, deixaron sen executar un de cada tres euros en políticas activas de emprego, o que suma máis de 2.000 millóns de euros entre os anos 2009 e 2024, cando as horas habituais de traballo que perdeu Galicia dende a chegada do PP equivalen a 111.924 empregos a tempo completo.
Dacosta censurou a “nula política de emprego” do goberno galego, que se limita a “publicidade, notas de prensa e ocorrencias” para anunciar “programas sen diagnose, sen avaliación e sen impacto” mentres “non existe un Plan Galego de Emprego que mapee perfís por comarca e sector, taxas de substitución e necesidades formativas”.
A parlamentaria socialista responsabilizou á xestión do PP á fronte do goberno dun sistema “roto” que non son quen de xestionar, provocando un “mercado laboral pouco dinámico, un rural esmorecendo e unha mocidade emigrada”. Reclamou así un “novo modelo de política de emprego” para que Galicia deixe de ser un país que “forma para exportar talento” e comece a garantir “emprego digno, planificación e formación útil” e un goberno que “deixe de chegar tarde”.
Dacosta esixiu un Plan Galego de emprego e Talento, un programa permanente de competencias clave, que as axudas ás empresas estean condicionadas polas condicións aos traballadores e recuperar os Pactos Territoriais de Emprego. Pediu “transparencia e avaliación pública” dos programas anunciados polo goberno galego e a execución orzamentaria do cen por cen con informes trimestrais.
Autónomos
Dacosta afeoulle ao PP que “volva confundir á cidadanía” coa situación dos autónomos porque “non hai ningunha suba de impostos”, senón que o goberno central, explicou, busca un sistema de “cotizacións máis xusto e pactado coas organizacións, para que quen menos gaña pague menos”. Advertiu que “confundir impostos con cotizacións é enganar á xente” e remachou que “os autónomos galegos non precisan propaganda, precisan políticas serias que lles dean estabilidade, formación e futuro”.
A responsable socialista sinalou ao conselleiro de Emprego como “un dos responsables das causas da catástrofe incendiaria” deste verán que se remontan á súa etapa como conselleiro do Medio Rural, entre setembro de 2018 e abril de 2024. Advertiu que “o abandono do rural, a falta de planificación e ordenación forestal e a ausencia de políticas reais de prevención non se improvisaron, son a consecuencia de anos de desleixo político”.