

Elena Espinosa reclama “máis ambición, máis rigor e máis responsabilidade” nunha norma que “corre o risco de converterse en simple propaganda”
A portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Elena Espinosa, dixo hoxe que a Lei de saúde dos menores e prevención das condutas aditivas resulta “insuficiente” por canto “carece de compromisos claros, dotacións suficientes e mecanismos efectivos”. Os socialistas abstivéronse na votación porque, explicou, “non podemos apoiar o proxecto de Lei mentres non incorpore compromisos claros, dotacións suficientes e mecanismos efectivos”.
Espinosa sinalou que “a saúde dos nosos menores merece máis ambición, máis rigor e máis responsabilidade” para que “estas políticas se converta en realidade e non quede nun simple exercicio declarativo”. Emprazou a “mellorar e cubrir os baleiros que deixa este texto” no seu desenvolvemento regulamentario, ou do contrario “corre o risco de converterse en simple propaganda”.
Alertou dos “baleiros legais importantes” do texto, que a farán “ineficaz para protexer á cidadanía á que pretende servir”, xa que “deixa fóra compromisos de mecanismos clave de protección, carece de medidas concretas de prevención e non garante a aplicación efectiva dos dereitos”. Sinala que “prioriza as prohibicións e as sancións fronte á prevención, formación, educación ou información” e reclamou tratar ás adiccións “como unha cuestión de saúde pública e non como un delito”.
Acusou ao PP de defender un “texto simbólico” presentado coa teima de chegar os primeiros pero “sen impacto real” sobre a defensa da saúde dos menores, xa que “promete pero non garante, define obxectivos pero non establece ferramentas nin recursos para os cumprir”.
Lamentou a falla de vontade de acordo por parte do PP, que fixo caso omiso das 60 emendas presentadas polo Grupo Socialista co obxectivo de “reforzar a protección efectiva da infancia e da adolescencia, o fortalecemento dos mecanismos de prevención e a garantía de que as políticas públicas respondan sempre ao interese xeral e non a intereses conxunturais ou partidarios”.
A responsable socialista criticou que o PP teña a “intención de impoñer o seu criterio sen escoitar á oposición” no canto de “mellorar o texto de forma consensuada” cos grupos da oposición. Lamentou que busquen aprobar o texto “sen aproveitar a oportunidade de enriquecer a Lei e de reforzar mecanismos de protección”.