Elena Espinosa advertiu que o texto, “tal e como está exposto, presenta limitacións que dificultarán a súa plena efectividade” e defendeu o compromiso “claro” do PSdeG co obxectivo de ter “unha mocidade informada, crítica e saudable”
“Neste proxecto de lei fálase pouco de prevención, formación e educación, e pesan moito máis as prohibicións e as sancións”, lamentou a deputada do PSdeG, que reclamou que se combatan as causas estruturais das adiccións, como “a pobreza, o desemprego, a falta de oportunidades educativas e a mercantilización do lecer”
“Non é unha boa lei”. A portavoz socialista de Sanidade no Parlamento galego, Elena Espinosa, advertiulle así ao Goberno da Xunta que o proxecto de lei de protección da saúde das persoas menores e prevención das condutas adictivas “presenta limitacións que dificultarán a súa plena efectividade”. Durante a súa intervención no debate do texto legal, Espinosa admitiu que a necesidade dunha normativa coma esta “está clara”, máis cuestionou o seu contido por “ambiguo e confuso”, entre outras eivas. Incidiu, ao mesmo tempo, sobre a pertinencia de incluíla nunha lei de saúde pública máis ampla, e non só circunscrita aos menores de 18 anos.
A tamén viceportavoz segunda do Grupo Socialista defendeu como un “compromiso claro” do PSdeG “que as adiccións non estean normalizadas”. “Queremos uns menores e unha mocidade informada, crítica e saudable”, engadiu. “Cremos nunha educación sanitaria e en fomentar os estilos de vida saudables, pero neste proxecto de lei fálase pouco de prevención, formación, educación e información, e cremos que pesan moito máis as prohibicións, as multas e as sancións”, lamentou.
Elena Espinosa reclamou unha normativa que incida sobre as “causas estruturais” que en moitas ocasións están detrás das condutas adictivas. Entre elas, mencionou “a pobreza, o desemprego, a falta de oportunidades educativas e a mercantilización do lecer”, algo que a Xunta non aborda co proxecto de lei. Ademais, o texto, “tal e como está exposto, presenta limitacións que dificultarán a súa plena efectividade”, dixo.
A deputada socialista explicou que o PSdeG está de acordo cos principios que recolle a proposta, e ese é o motivo polo que o grupo parlamentario descartou unha emenda á totalidade. Mais avanzou que si presentará emendas para que a lei “sirva realmente para fortalecer as políticas de prevención e garantir que cada neno e nena galegos medren coas mesmas oportunidades de benestar e desenvolvemento”.
Tamén advertiu contra calquera intento, por parte da Xunta, de converter a lei unicamente nun exercicio de “propaganda e publicidade”, dado que se trata dun documento “pouco traballado” e carente de compromisos e criterios de avaliación. “Se cadra é consecuencia da carreira que pretende a Xunta, para que a lei este a probada antes que a do Goberno de España, que está tramitando nestes momentos unha norma sobre a prevención do consumo de bebidas alcohólicas e os seus efectos nos menores”, sinalou Elena Espinosa.