
Lara Méndez sinala que os orzamentos do próximo ano conforman “un sudoku, un baile de cifras” dunha consellería que perde peso e que “non vai atender ás necesidades” do rural galego
A portavoz de Agricultura do Grupo Socialista, Lara Méndez, lamentou hoxe a “absoluta falla de autocrítica” por parte da conselleira de Medio Rural logo da peor vaga de lumes rexistrada en Galicia. Méndez interveu na presentación dos Orzamentos de Medio Rural para o próximo ano, que chegan a modo de “sudoku” ou “baile de cifras” dunha Consellería que “perde peso” ao medrar moi por debaixo da media.
Méndez advertiu que estas contas abocan ao “fracaso do modelo e da planificación” tamén no que ten que ver co modelo forestal, cunhas contas que quedan “lonxe do necesario” para implementar as 123 medidas propostas pola Comisión de Estudo da Política Forestal aprobadas en 2018. Lamentou que sigan sen constituír un corpo único, profesional e público de brigadas forestais, ademais dun Plan de pastos e xestión real da biomasa.
Aludiu á falla de ambición do goberno galego, que segue sen preparar un Plan extraordinario de recuperación e prevención dos lumes forestais máis alá de medidas cosméticas para “mover as partidas” dun programa a outro “para cadrar as contas e dicir que sube preto dun 0,6 por cento”. O resultado final, dixo, é un orzamento “case igual ao do ano pasado”, que queda moi lonxe do crecemento do 2 por cento do Orzamento da Xunta e evidencia a perda de peso da Consellería.
Méndez dixo que a conselleira “pinta números no papel que logo nunca executa”, o que deixa sen valor calquera proposta política incluída nos Orzamentos do próximo ano. Así, explicou que chegaron ao verán executando tan só o 28 por cento do programa de accións preventivas e infraestruturas forestais, co resultado do peor agosto que se lembra en Galicia.
Ademais, sinalou a perda de orzamentos de apartados fundamentais para manter vivo ao rural e polo tanto o combate contra o lume, como é o caso da partida de fixación da poboación ao medio rural, que baixa preto de 1,5 millóns de euros..
Lara Méndez alertou de que o mesmo sucede co programa de modernización e diversificación do tecido produtivo, que este ano recibe 8,3 millóns de euros menos, ou os 13 millóns que reduce a partida para benestar animal, ou os 6,5 millóns que reduce a implantación de sistemas produtivos agrarios.