Silvia Longueira acusa ao PP de “crear unha situación de enfermidade até cronificala” no ente público e reclama “independencia, pluralidade e democracia nos medios públicos”
O Grupo Socialista apoia a Iniciativa Lexislativa Popular ao servizo do pobo presentada hoxe no Pleno do Parlamento
A parlamentaria socialista Silvia Longueira emprazou hoxe a “liberar á galega” do “secuestro” por parte do PP, que a ten convertido nunha “canle de propaganda política” ao servizo do goberno galego. Así o dixo no debate da Iniciativa Lexislativa Popular “por unha CRTVG ao servizo do pobo”, que contou co voto a favor do Grupo Socialista pero foi rexeitada polo veto do PP.
Longueira responsabilizou ao PP de provocar a “enfermidade crónica” da “manipulación” nos medios públicos, e sinalou que “non nos merecemos que un partido político sexa o dono do noso dereito á información”. Advertiu que “sen medios públicos libres non hai unha opinión pública libre, e sen opinión pública libre a democracia convértese en decorado” e engadiu que Galicia “precisa de medios que informen, debatan e abran fiestras, non que baixen as persianas”.
A responsable socialista puxo á vaga de incendios como exemplo da manipulación informativa, cando en pleno 15 de agosto, cando “literalmente chovía cinza”, a TVG conectaba en directo coa praia de Cabanas para saber “que di a xente de fumar ou non”. Alertou de que esta “desinformación” supuña “un perigo, xa que non indicaba que zonas de Galicia estaban sendo aniquiladas ou que rutas eran perigosas”, na súa obsesión por “evadir a realidade”.
Criticou que o PP teña levado á TVG aos niveis máis baixos de credibilidade, cun abandono xeneralizado da audiencia mentres executan un proceso de “privatización en progresión xeométrica” e os traballadores do medio padecen “presións, censura, afastamento de funcións e todo un repertorio de técnicas de mobbing”. Aludiu aos 381 venres negros do colectivo Defende á Galega, que leva 7 anos en protesta pola manipulación política dos medios públicos de comunicación.
Longueira trasladou o apoio do Grupo Socialista á Iniciativa Lexislativa que reclama modificar a Lei de Medios Públicos de comunicación para recuperar a neutralidade democrática e garantir maior pluralismo, independencia e control democrático do ente.
Esta proposta inclúe a designación do director xeral mediante concurso público e con maioría cualificada do Parlamento. Tamén reclama un mandato limitado no tempo e a constitución dunha autoridade audiovisual independente, encargada de velar pola pluralidade no medio.
Tamén prevé a creación dun estatuto profesional e a constitución dun Consello de Informativos que garantan a independencia informativa, ademais de fomentar a cobertura territorial, así como a promoción da lingua, a cultura, a igualdade, a diversidade e o impulso da programación infantil e xuvenil.