Silvia Longueira aféalle ao xerente do Consorcio de Servizos de Igualdade e Benestar que se poña a medalla de 500 prazas que terán que xestionar os propios concellos
A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Silvia Longueira, criticou que o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar vaia ao Parlamento a “presumir” de residencias e de atención aos maiores ao tempo que a inspección está a pechar centros polas condicións “indignas” dos maiores usuarios. Así o dixo na comparecencia do xerente na Comisión de Política Social do Parlamento.
Longueira criticou a presenza do alto cargo para “falar diante do Parlamento coa se fora unha rolda de prensa para anunciar prazas e de residencias que ademais xa tiña anunciado antes Rueda”, e todo isto despois de que a inspección pechara as residencias de Xinzo e de Amoeiro, e que derivaron na apertura de dilixencias por parte da Fiscalía.
A responsable socialista afeoulle ademais ao responsable do Consorcio que veña arrogarse o mérito de 500 prazas en diferentes concellos que nin vai xestionar nin vai financiar o goberno galego. Lembrou neste sentido en primeiro lugar que as prazas terán que ser xestionadas polos propios concellos e ademais serán financiadas a través de fondos europeos Next Generation.
Silvia Longueira lembrou que Galicia ten un déficit de 13.860 prazas de residencias, e criticou que o xerente e o goberno galego xustifiquen a adxudicación externa da xestión asistencial en residencias ou centros de día logo de comprometerse a garantir a xestión pública directa, cando actualmente o 73 por cento das prazas corresponden ao sector privado.
Ademais, esixiu a mellora das condicións laborais do persoal traballador das residencias e centros de día, que ten que traballar nunhas condicións laborais intolerable, cunha temporalidade que chega a cifras do 90 por cento en certos contratos, incumprindo os compromisos de estabilización do persoal.