
Lara Méndez denuncia que o goberno galego exclúe a concellos socialistas como Camariñas, Betanzos ou Vilagarcía do stand de Fitur e reclama presenza rotatoria
A portavoz de Turismo do Grupo Socialista, Lara Méndez, acusou á Xunta de facer “uso partidista” da Axencia Turismo de Galicia, que empregan “máis a dispor do PP que dos intereses turísticos de Galicia”. Así o dixo na comparecencia do director do ente hoxe no Parlamento, ao que lle afeou “falta de ambición” na planificación para este ano, centrada na “continuidade” nas mesmas políticas que están a estancar ao sector.
A responsable socialista criticou a estratexia de turismo do goberno galego, que empregan para beneficiar aos concellos do seu partido, e puxo como exemplo a exclusión do stand de Fitur de concellos como Camariñas, Betanzos ou Vilagarcía, que “non poden presentar o seu proxecto porque son alcaldes socialistas”. Reclamou un reparto transparente e rotatorio dos concellos galegos na Feira de Turismo.
O mesmo sucede na xestión dos albergues públicos do Camiño de Santiago, construídos “ao capricho do alcalde de turno”, sempre do mesmo partido, aínda que estean en lugares pouco adecuados no medio das etapas, co que rexistran unha ocupación media do 1 por cento ao longo do ano. Sinalou tamén a particular política de impulso de festas singulares, cando destinan apenas 40.000 euros ao Arde Lucus, fronte aos 150.000 da Festa Indiana de Ribadeo.
Resumiu que “non pode ser que a Axencia de Turismo se converta na chequeira da señora Candia -presidenta do PP de Lugo- para repartir a diestro e siniestro en función da afinidade, xerando agravios comparativos” con asociacións que reciben apenas 200 euros e outras suben ata os 10.000 na provincia.
Criticou a falla de xestión do goberno galego, que presume de “continuidade” e de reiterar un modelo centrado unicamente no Camiño de Santiago cando o turismo galego “require dunha estratexia pública que aposte decididamente pola diversificación territorial de produtos, así como da sustentabilidade ambiental, social e económica”. Reclamou a mellora das condicións laborais no sector e a aposta polo relevo xeracional e a convivencia do turismo coa vida cotiá da cidadanía.
Advertiu que a “falta de ambición” amosada polo goberno galego está a provocar a desaceleración do turismo estranxeiro e un crecemento estancado no turismo nacional, que ten levado a Galicia a ser a quinta comunidade autónoma que menos medra do Estado.