Paloma Castro denuncia a postura “ecuánime e equidistante” do PP diante da barbarie perpetrada por Israel en Palestina
A portavoz de Política Institucional do Grupo Socialista, Paloma Castro, criticou hoxe o “acto de trilerismo político” protagonizado polo PP coa condena contra o xenocidio perpetrado por Israel contra a poboación palestina en Gaza. Castro presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento na que criticou que “apoien un minuto de silencio, pero utilizan a máquina do poder para que non se coñezan os termos e despois votan en contra de condenalo”.
Aludiu á polémica polo minuto de silencio celebrado esta mañá en condena do xenocidio perpetrado polo Estado de Israel, do que o presidente do Parlamento non quixo dar lectura, e despois o voto en contra do PP a unha proposición non de Lei que tamén condenaba o xenocidio, explicitando o seu desacordo co termo na intervención do portavoz do PP.
Castro Advertiu que “non chamar ás cousas polo seu nome é agochar a realidade, mitigala ou branqueala, e acusou ao PP galego de manterse “ecuánime e equidistante” ao verse “atrapados” na postura de Aznar, Ayuso e Abascal. Defendeu a postura exemplar do goberno de Pedro Sánchez fronte a un PP que quere “trasladar esta cuestión á confrontación nacional e facendo política dun xenocidio, o que non só é mediocre, senón tamén desprezable”.
A responsable socialista lamentou que se manteñan “atrapados entre o que pensa a maioría da cidadanía e o que mandan dende as altas esferas”, o que provoca que leven “meses dando bandazos derivado deste efecto sándwich no que se atopan”.
Sinalou o “exemplo” que está a dar a cidadanía a nivel internacional coas manifestacións de repulsa ou as protestas fronte á volta ciclista, e que reflicten as enquisas que apuntan a que o 82 por cento da poboación cualifica de xenocidio e o 78 por cento apoia o recoñecemento do Estado de Palestina.
A responsable socialista esixiulle ao conselleiro de Presidencia que “conserven a dignidade e os principios” cos que en 2014 o Parlamento aprobou por unanimidade unha Declaración Institucional que lle reclamaba a Israel o cumprimento das resolucións da ONU e que respectara os dereitos humanos dos palestinos e o regreso aos seus territorios. Lembrou que aquela declaración provocara unha protesta por parte do goberno de Israel por carta dirixida á presidenta do Parlamento.