Aitor Bouza considera “unha burla que reflicte a falla de humanidade” do PP que só garantan coidador durante o mes de outubro para o estudante do IES Campo de San Alberto cunha minusvalía do 86 por cento
O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Aitor Bouza, considera “unha burla que reflicte a falta de humanidade” por parte do PP o trato que lle están a dar a Guille, o estudante do IES Campo de San Alberto de Noia que ten unha discapacidade do 86 por cento logo dun accidente de tráfico no que faleceu o seu irmán. Bouza critica que logo de concederlle un coidador dúas horas ao día, teñan pasado a concederlle atención durante todo o horario lectivo pero só durante o mes de outubro, como confirman hoxe.
Bouza anunciou unha batería de iniciativas parlamentarias para que a Consellería de Educación garanta un coidador durante a totalidade do curso escolar, tal e como recomenda o informe médico. O responsable socialista esíxelle ao goberno galego que garanta “a estabilidade e continuidade na atención educativa que precisa este rapaz”.
Acusou ao goberno galego de responder con “parches” logo da mobilización das familias, a comunidade educativa e a sociedade civil, pero que “teñen demostrado que non van resolver o problema, senón que o que queren é tender unha cortina de fume para calar as protestas”.
O parlamentario socialista reclamoulle á Xunta que tome as medidas necesarias para que “ningún neno ou nena con necesidades educativas especiais quede sen o apoio de coidadores ou coidadoras durante o curso escolar”. Ademais, reclamou que dote aos centros educativos de “recursos suficientes” para “atender de maneira adecuada á diversidade do alumnado, reforzando o persoal de apoio educativo”.