Carmen Dacosta criticou un modelo “baseado na precariedade, na temporalidade e na improvisación” e denunciou que o Pladiga, que a Xunta aínda presentou hoxe en comisión parlamentaria, “chega tarde un ano máis”
A deputada socialista reclamou un servizo “único, profesionalizado e con persoal público e estable, activo todo o ano, con carreira profesional, con formación continua e con dereitos recoñecidos”
A portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, alertou hoxe da “política deliberada de abandono e externalización” á que o Goberno de Rueda está sometendo os servizos de loita contra os incendios, cun modelo “baseado na precariedade, na temporalidade e na improvisación”. A deputada socialista criticou a xestión da Xunta ante “unha das maiores ameazas que padece o país”, e que constitúe xa “un problema estrutural agravado ano tras ano pola falta de planificación do Executivo galego”.
En comisión parlamentaria, Dacosta censurou que, “por primeira vez, non se deu conta do Pladiga en sesión plenaria” e preguntouse se foi para que o plan de prevención contra o lume pase “desapercibido”. Trátase, lembrou, dun documento “de extraordinaria importancia”, xa que, entre outras cuestións, prevé a estrutura organizativa e os procedementos de prevención e extinción, establece as épocas de perigo e fixa os obxectivos e as actuacións que se deben desenvolver durante o ano.
“Lamentablemente, un ano máis, a Xunta chega tarde, sen planificación estratéxica, sen abordar os retos da nova xeración de incendios e sen garantir os dereitos e condicións laborais do persoal que está no monte xogándose a vida”, advertiu sobre un Pladiga “que non se trasladou en tempo e forma ao Parlamento, cos prazos que permitan facer un seguimento real da súa execución”. Nese senso, recalcou que non se presentou ata maio, o cal impediu a participación de organizacións sociais e sindicais, dos concellos e do Consello Forestal de Galicia na súa elaboración. “Denunciamos esa falta de participación e de transparencia”, remarcou a deputada do PSdeG.
Carmen Rodríguez Dacosta recordou tamén o incumprimento da Xunta no que se refire aos procesos de funcionarización, con concursos de traslados pendentes, así como as tomas de posesión das promocións internas de 2019, 2021 e do proceso de estabilización, o que deriva nunha planificación “absolutamente deficiente” en canto a persoal.
“Non hai nin convocatorias suficientes nin estratexia para garantir un servizo estable e profesional a medio prazo”, engadiu sobre un modelo que “non é nin eficaz nin xusto”. Rodríguez Dacosta sinalou especialmente a situación das brigadas municipais, que o Goberno do PP “segue mantendo como pedra angular da prevención e a extinción locais”, aínda que sen estabilidade laboral nin profesionalización. Por enriba, dos 263 continxentes dese tipo que existían en 2016, no 2023 quedaban só 151, “un 42 % menos”. Os datos de 2024 e as previsións para 2025 descoñécense.
En canto á unidade especializada de directores de extinción (UDEX), é “ciencia ficción”, xa que aparece no documento, “pero non existe na realidade”, advertiu a parlamentaria socialista, que apuntou que “non hai prazas, non hai persoal e non hai estrutura, igual que acontece coa unidade técnica de apoio”. “Só están no papel”, subliñou.
Dacosta tamén repasou a situación das infraestruturas, con bases “que non reúnen as mínimas condicións de habitabilidade, seguridade e hixiene”, o abandono de moitas casetas de vixilancia, cuxa función “non substitúe a rede de cámaras”, ou a falta de noticias das bases BUO, “anunciadas hai anos e que aínda non están rematadas”. Unido a iso, botou en falta un inventario público de puntos de auga. “Cantos temos operativos? Cantos se van acondicionar este ano?”, preguntou. “Non hai unha estratexia clara de abastecemento para os medios de extinción, cando sabemos que o acceso á auga é un factor clave”, indicou.
A eses problemas sumou carencias tan graves coma a situación na que se atopan os equipos de protección individual, “que xa roza o escándalo”, dado que seguen sen existir os protocolos de descontaminación “que levan prometendo tres ano”. Tamén criticou que o uso de drons, “ferramentas útiles para a vixilancia”, restrínxese ás “unidades pantasma”.
Durante a súa intervención, a deputada do PSdeG chamou a atención sobre os incendios de sexta xeración, os coñecidos como megaincendios, aos que o Pladiga “segue sen dar resposta”, algo que considerou de extrema gravidade. Dar resposta a ese tipo de situacións “esixe un cambio de paradigma que non pode vir da man dun modelo baseado en múltiples dispositivos fragmentados, mal coordinados, con persoal de diferentes condicións e sen unha dirección profesional única”. Por iso, urxiu a corrixir todas esas deficiencias, avanzando cara un servizo “único, profesionalizado e con persoal público e estable, activo todo o ano, con carreira profesional, con formación continua e con dereitos recoñecidos”.