

Paloma Castro reclámalle ao goberno galego que atenda á chamada de atención da Alta Comisionada fronte ás listas de espera desmesuradas en sanidade e Dependencia
A portavoz do Grupo Socialista na Comisión de Peticións á Valedora no Parlamento, Paloma Castro, advertiu hoxe que o “récord” de queixas á Alta Comisionada, sinaladamente en sanidade e política social, evidencia o “malestar” da cidadanía fronte á xestión dos servizos públicos por parte do PP. Así o dixo na comparecencia para presentar o informe correspondente ao ano 2024.
Castro reclamoulle ao goberno galego que atenda ás recomendacións desta institución, que urxe a reducir os prazos de espera sobre todo na sanidade e para o recoñecemento da dependencia e da discapacidade. A sanidade, advertiu, suma a maioría das queixas presentadas polos galegos e galegas, cun 52 por cento do total, e que xunto coa política social supoñen o 66,9 por cento da totalidade das reclamacións cidadás presentadas diante da administración.
Ratificou a necesidade de “solucións a curto, medio e longo prazo”· para garantir unha sanidade de calidade, como está a reclamar a cidadanía a través das queixas e os propios profesionais sanitarios, que veñen de convocar unha folga na Atención Primaria. Sinalou que a cidadanía protesta pola obriga a aceptar derivacións a centros concertados baixo ameaza de pasar ao final da lista, así como pola falta de médicos de familia e pediatras nos centros de saúde.
A responsable socialista criticou a “falla de visión estratéxica, aposta polo servizo público e compromiso real coa igualdade e o benestar das persoas” por parte dun goberno “instalado na política do bono e da foto, no parche e a improvisación” mentres as entidades sociais “fan malabares para manter servizos básicos e os concellos asumen competencias que a Xunta debera garantir”.
A desatención a dependentes e persoas con discapacidade, así como a falla de prazas nas residencias tradúcese en que o 19,3 por cento das queixas recibidas pola Valedora en 2024 están dirixidas á xestión nefasta da política social.
Castro engadiu que as protestas apuntan ademais ao “progresivo desmantelamento” da educación pública por parte do PP, que está a provocar un “retroceso” nunha xestión que evidencia as súas “debilidades, incongruencias e falla de compromiso”. Finalmente, reclamou a revisión da xestión do acoso escolar nos centros educativos, cando a propia Valedora está a sinalar a falla de información aos alumnos e alumnas sobre os “puntos laranxas” contra o acoso escolar e o ciberacoso.