Julio Abalde esíxelle á Consellería de Educación que utilice o novo contrato para “esixir un servizo de calidade” para subsanar a cascada de irregularidades denunciadas polos usuarios
O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Julio Abalde, alertou hoxe de que o concurso de transporte escolar anunciado polo goberno galego replica o modelo e as eivas do modelo anterior. Abalde presentou unha Interpelación no Pleno do Parlamento para esixirlle ao conselleiro de Educación que aproveite a posta en marcha do novo contrato para esixir un servizo de calidade que supere as múltiples deficiencias do modelo actual.
Esixiu un “sistema de control, do cumprimento dos requisitos de calidade e as medidas que tomará a administración en caso de incumprimento grave e reiterado”. Lembrou que a falla de control da Xunta diante dos incumprimentos no contrato que remata este curso provocou unha cascada de relamacións dos usuarios aos que a Consellería deixou sen responder durante “8 ou 11 meses”, cando xa rematara o curso, e que fixeron que a Valedora do Pobo tomara parte.
Criticou que o goberno galego cualificara de “puntuais e normais” unhas eivas que en realidade se repetían en todo o territorio, con incumprimentos de horarios, buses que non chegaban ás paradas, emprego de VTC ou taxis, vehículos sen prazas suficientes ou sen as medidas de seguridade e de conservación mínimas. Advertiu que “non só resulta moi preocupante que os nenos e nenas cheguen tarde, senón que se trata da inseguridade constante á que están sometidos”.
Ademais, advertiu que mentres o goberno galego presume dun modelo flexible, a nova planta de transporte provocou a desaparición da competencia, eliminando as pequenas empresas de transporte escolar, que se concentraron por adquisición ou inclusión da UTE cunha única empresa que se ten feito hexemónica”.
Abalde esixiulle ao conselleiro que responda do “desleixo arredor deste servizo” e que teña renunciado a dar resposta en tempo ás queixas e reclamacións rexistrados polas deficiencias no transporte escolar durante o curso.