

Julio Torrado apunta que a incapacidade de resolver as esperas sanitarias provocou que os seguros pasaran do 9 ao 24 por cento en sete anos
O deputado do Grupo Socialista Julio Torrado sinalou hoxe que a xestión ineficiente da Sanidade por parte do goberno do PP está detrás do incremento exponencial de seguros privados, que pasaron do 9 ao 24 por cento entre 2018 e 2025. Así o dixo na súa primeira intervención logo de entrar como deputado autonómico nesta Lexislatura trala marcha de Elena Espinosa.
O responsable socialista interveu nun debate parlamentario sobre o incremento dos concertos coas entidades sanitarias privadas, no que advertiu que hoxe hai medio millón de galegos e galegas que prefiren pagar un seguro sanitario privado polos problemas de acceso á sanidade pública provocados pola “incapacidade de xestión do goberno galego”. Acusou ao PP de ser “incapaz de resolver os problemas de demoras na Atención Primaria e o incremento das esperas hospitalarias”.
Subliñou que a cidadanía prefire sen embargo ser atendidos na pública diante de “problemas serios de saúde” porque “é moito mellor, pero é moi difícil acceder a ela”, sinaladamente cando logo de 17 anos de xestión por parte do PP “hoxe en Galicia hai máis hospitais privados que públicos”.
Tamén interveu unha iniciativa presentada polo PP para, dixo, “como novidade apoiar ás iniciativas do goberno de España para o redimensionamento da formación na especialidade de Radiofísica”, tal e como está a facer na liña de converxer coa UE na mellora da formación nesta especialidade. Torrado lembrou que onte mesmo o BOE publicou os novos criterios formativos na especialidade de Urxencias, no camiño marcado polo ex ministro galego de Sanidade, José Miñones.