

Paloma Castro sinala que a reforma da Lei de Patrimonio Cultural a través da Lei de Acompañamento “facilita intervencións urbanísticas, forestais e turísticas en contornos protexidos”
A parlamentaria socialista Paloma Castro advertiu hoxe que a nova Lei do Litoral da Xunta “abre as portas a usos impropios, a intereses económicos e a reducir os estándares ambientais”. Así o dixo na comparecencia da directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático no Parlamento para dar conta da xestión da competencia do litoral por parte do goberno galego.
Castro advertiu que a sentenza do TC sobre a Lei do Litoral da Xunta, lonxe de validar o texto como está a defender o PP, a realidade é que anulou preceptos esenciais “polos seus riscos ambientais e competenciais”. Apuntou que a sentenza impide á Xunta autorizar as EDAR no dominio público marítimo – terrestre, converte as autorizacións industriais en excepcionais, “non na regra xeral, como pretendía a Xunta”, e anula a regularización de obras ilegais.
Ademais, incorpora un voto concorrente da maxistrada que “advirte dos riscos medioambientais da interpretación expansiva que pretendía a Xunta” e lembra que o litoral “non é un recurso ilimitado nin apropiable, e que calquera flexibilización pode comprometer ecosistemas, seguridade e adaptación ao cambio climático”.
Acusou á Xunta de deseñar un modelo de litoral pensado para dar cobertura a máis usos compatibles para intereses privados por riba do ambiental. Ademais, sinalou que o Catálogo con 812 bens de valor cultural no litoral que a Xunta anuncia como “instrumento estrela” desta Lei, en realidade constitúe un “catálogo de oportunidades de negocio” e, en lugar dun muro de contención para a protección do litoral, crean un “mapa de onde poden autorizar novos usos lucrativos”.
Lei de Patrimonio liberalizadora
Criticou ademais a reforma “claramente liberalizadora” da Lei do Patrimonio Cultural a través da Lei de Acompañamento aos Orzamentos, que busca “facilitar intervencións urbanísticas, forestais e turísticas en contornos protexidos” tamén no litoral “reducindo os controis previos e debilitando a tutela da Administración autonómica sobre o patrimonio”.
Advertiu que “deixan desprotexido un patrimonio cultural catalogado”, mentres modifican a Lei de protección da Paisaxe para “dar prioridade legal á instalación de parques eólicos e ás infraestruturas de evacuación, reducindo os marcos de participación e protección ambiental”.
Castro aludiu ademais á “sombra do chalet ilegal da parella do señor Feijóo” logo de que o TSXG declarara ilegal o chalet da parella de Feijóo en Moaña, e que “simboliza perfectamente un modelo de litoral permeable á presión privada, permisivo co abuso e afastado dos estándares ambientais e legais”.
Reclamou unha política do litoral “seria, dialogada e ambientalmente solvente”, cunha xestión centrada no “diálogo, a negociación e o autogoberno real” para garantir un “litoral protexido, unha economía azul sostible e unha política climática seria”. Ratificou o compromiso dos oscialistas galegos co traspaso da xestión do litoral, ao autogoberno “útil”, á xestión ambiental “rigorosa” e o diálogo co Estado.