Elena Espinosa urxe a poñer en marcha un Plan de choque para atallar unhas listas de espera indecentes, que non paran de medrar e que ameazan con colapsar o sistema
A portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Elena Espinosa, alertou hoxe de que o “desastre” na xestión da sanidade pública por parte da Xunta está a provocar unha “bola de neve” con listas de espera “indecentes e que non paran de medrar. Logo de coñecer os datos oficiais das listas de espera en atención hospitalaria, Espinosa anunciou unha batería de iniciativas parlamentarias para esixir un Plan de choque urxente diante da ameaza de colapso sanitario.
A responsable socialista alertou de que as listas de espera en intervención cirúrxica, probas diagnósticas ou consulta especializada “van de mal en peor”, como revelan os datos de xuño coñecidos hoxe. En concreto, sinalou que os datos de espera en cirurxía “acumulan máis días de espera que a finais do ano pasado e máis xente agardando para ser operada”, o que evidencia que a xestión da Xunta “vai no sentido contrario” das necesidades do sistema.
Espinosa subliñou que “estamos fartos da autocompracencia de Rueda e o autobombo do conselleiro de Sanidade”, e reclamou “respostas urxentes” para blindar o sistema sanitario. Esixiu o reforzo urxente na atención hospitalaria -ademais da Primaria- e condicións laborais dignas que permitan atraer máis persoal e reforzar as plantillas e así garantir unha atención sanitaria en condicións para dar saída ás esperas interminables que ameazan con afundir o sistema.