
Patricia Iglesias urxe o desbloqueo do concurso de traslados do corpo de servizos sociais e da toma de posesión dos funcionarios afectados
A parlamentaria socialista Patricia Iglesias, criticou hoxe a “parálise, improvisación e desgoberno” na xestión do persoal da Xunta e reclamou un Plan Plurianual de Recursos Humanos que inclúa un mapa de necesidades e previsión de xubilacións. Iglesias presentou unha proposición non de Lei na que reclama un calendario anual de concursos de traslados e que paren co abuso das comisións de servizos, pero que foi rexeitada polo PP.
Iglesias reclamoulle hoxe á Xunta que desbloquee o concurso de traslados de servizos sociais e a toma de posesión dos funcionarios que conseguiron praza, que afecta a máis de 300 funcionarios e que a día de hoxe nin sequera publicaron as prazas adxudicadas.
A responsable socialista pediu un Plan de dignificación das escalas de servizos sociais, con melloras retributivas, recoñecemento da carreira profesional e estabilización das prazas, e o reforzo da negociación colectiva e transparencia nas relacións laborais coa Mesa Xeral de Empregados Públicos.
Sinalou que “é un problema de falta de xestión, planificación e estratexia” que converteu a Administración galega “nun campo de probas improvisado”, con concursos atrasados, prazas duplicadas, adscricións provisionais “eternas” e profesionais con décadas de experiencia “relegados mentres se prioriza a discrecionalidade”.
“Esa é a realidade da Administración pública galega”, remarcou para instar á Xunta “a confiar nos seus propios empregados en lugar de tratalos como pezas intercambiables dun taboleiro político”, dixo. “Cando un Goberno coma o galego esquece ás persoas, o que quebra non é un procedemento, é a confianza da cidadanía”, concluíu.
Lei de Acompañamento
Iglesias criticou a “falla de planificación, falla de estratexia e falla de orde”, que está a provocar a “desmotivación e colapso” na xestión do persoal funcionario que non van resolver as modificacións previstas na Lei de Acompañamento aos orzamentos de 2026.
Advertiu que a modificación incluída na Disposición Transitoria Primeira da coñecida como Lei de Acompañamento “non corrixe a duplicidade de prazas, non limita o abuso das adscricións provisionais e comisións de servizos e non establece un calendario estable nin un sistema permanente de mobilidade nos concursos de traslados.