

Lara Méndez reclama un informe sobre a situación deste recurso e un Plan de actuacións para “racionalizar” a xestión e reverter a situación
A portavoz de Turismo do Grupo Socialista, Lara Méndez, sinalou hoxe que a xestión dos albergues públicos por parte da Xunta, que os ten situado “no medio das etapas por atender ao capricho do alcalde do PP de turno” tradúcese nunha caída da ocupación destes servizos malia o aumento constante de peregrinos. Méndez presentou unha proposición non de Lei para que a Xunta realice un informe e un Plan de actuacións para “racionalizar” estes recursos, que foi rexeitada polo PP.
A responsable do Grupo Socialista citou o informe do Consello de Contas presentado no pasado mes de setembro, que revelou que a ocupación dos albergues públicos situouse nunha media do 20 por cento, dende un máximo do 68 por cento a un mínimo do 1 por cento. Amosou a súa sorpresa polo feito de que non se acadara a plena ocupación en ningún caso nun total de 75 albergues e 3.400 prazas cando os peregrinos teñen superado este ano o medio millón.
Reclamou “buscar un equilibro” neste servizo público que sempre debe estar dispoñible nunhas condicións axeitadas e cando a súa finalidade última non é o beneficio económico. Sen embargo, acusou ao goberno galego de dar o seu “consentimento e beneplácito” á hora de construír estas instalacións a demanda dos alcaldes aínda que estean situadas no medio dunha etapa, na que os peregrinos non van parar.