Paloma Castro denuncia que está “condenando á desaparición” á Unidade de Policía Adscrita
A portavoz de Interior do Grupo Socialista, Paloma Castro, criticou que a Consellería de Presidencia presente uns orzamentos “para manter as aparencias” cando “Galicia non precisa máis propaganda senón políticas reais”. Así o dixo na comparecencia do conselleiro no Parlamento para dar conta das contas do seu departamento para o próximo ano.
Castro lamentou que presenten un orzamento “que fala de futuro mentres deixa atrás aos profesionais que sosteñen á xustiza, aos concellos que non poden máis, aos GES que traballan sen medios ou ás familias que esperan por un autobús que nunca chega”. En definitiva, son unhas contas baleiras de contido e de compromiso e insuficientes para un país que “quere igualdade, servizos públicos fortes e un goberno que escoite, non que se escude en titulares”.
A responsable socialista empregou a súa intervención para alertar da substitución progresiva da Unidade de Policía Adscrita a Galicia, que están a “condenar á desaparición”, logo de coñecer que xa non estarán presentes en San Caetano e van deixar de prestar servizo no Parlamento de Galicia. Acusou ao goberno galego de empregar este corpo como “arma política para confrontar co goberno do Estado”.
Castro criticou a negativa do goberno galego a asinar o convenio co Estado para cubrir as prazas vacantes e repoñer efectivos nunha plantilla “mermada” pola “marxinación, recortes e abandono” da Xunta. Denunciou a “inxustiza” con estes axentes que “foron os primeiros en estar aí cando arderon os montes e cando había que protexer á xente dos lumes”.
A parlamentaria socialista apuntou que as subvencións da Xunta non chegan nin ao 12 por cento dos ingresos das federacións deportivas galegas, co que “non poden falar nin de impulso real ao deporte nin de aposta pola súa proxección”.
Castro reclamou a posta en marcha dun Plan de Impulso do Deporte Feminino con axudas específicas para clubes e federacións, a construción de espazos dignos para mulleres e nenas e campañas de visibilización nos medios, ademais dunha liña de axudas directas ás familias para garantir o acceso igualitario da infancia e a mocidade á práctica deportiva.
Axudas clientelares aos concellos
Castro criticou que o goberno galego manteña o fondo que reparten de forma obxectiva aos concellos, que leva conxelado en 118 millóns de euros dende que chegaron á Xunta, mentres incrementan en 19 millóns de euros as axudas “a dedo”. Criticou que estean a “enmascarar cifras como si de un baile de disfraces se tratase, sen atender ás necesidades reais e facendo un reparto discriminatorio para favorecer aos concellos gobernados polo PP”.
Finalmente, denunciou que vaian reducir en 23 millóns de euros o Orzamento da Dirección Xeral de Mobilidade responsable da “nefasta xestión tanto do transporte escolar como do ordinario”. Advertiu que milleiros de galegos e de galegas padecen cada día “un sistema mal organizado, con constantes queixas das familias, rutas mal dimensionadas, paradas mal deseñadas e sen resposta efectiva ás incidencias”.
Apuntou que “a mobilidade é un dereito, non un campo de batalla política” e alertou de que “as familias quedan sen transporte escolar e vostedes sen solucións”. Advertiu que teñen enriba da mesa máis dun milleiro de solicitudes de cambio de parada, incidencias sen resposta, familias desesperadas e o goberno galego “continúa sen artellar un protocolo de queixas”.
Finalmente, reclamoulle ao conselleiro de Presidencia que consensúe cos colexios profesionais de Avogados, asociacións e sindicatos o novo baremo da quenda de oficio como requisito para garantir unha xustiza gratuíta que sexa “efectiva, digna e sostible”.