

Patricia Iglesias considera unha “anomalía política grave” que o conselleiro de Facenda se presentara no CPFF “sen proposta alternativa nin modelo para Galicia”
A portavoz de Economía do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, sinalou hoxe que Rueda “terá que pedir perdón” por negarse a negociar un mellor financiamento para Galicia seguindo directrices “de Génova 13” coas que “consuma a traizón a Galicia”. Así o dixo na comparecencia do conselleiro de Facenda no Parlamento para dar conta da súa viaxe ao Consello de Política Fiscal e Financeira na que se presentou “sen modelo alternativo nin sen posición coñecida” para aproveitar a marxe de mellora.
Cualificou a posición do PP e do goberno galego de “anomalía política grave” por optar polo “silencio e obediencia debida” á estratexia “do non” marcada dende Madrid logo de ter recibido a primeira proposta real de reforma do sistema nos últimos 13 anos. Malia que a proposta inicial resulta mellorable, amosou a súa sorpresa pola resposta do representante do goberno galego, que no canto de actuar como conselleiro de Facenda se presentou “como asesor económico” do seu partido.
A responsable socialista considera “moi grave” que a día de hoxe “Galicia non sabe o que defendeu a Xunta” no último Consello de Política Fiscal e Financeira -CPFF-, e iso que a proposta inicial do goberno mellora sensiblemente a cifra fixada polo goberno galego. Criticou a súa negativa a unha aportación de 587 millóns de euros para Galicia cando o conselleiro e o presidente da Xunta pedían 500 millóns no pasado mes de outubro, 87 menos do que puxo enriba da mesa o Executivo.
Estes 587 millóns, explicou, supoñen uns ingresos un 7,6 por cento superiores á poboación axustada de Galicia, o que equivale a recibir tantos ingresos coma se Galicia tivera 205.000 habitantes máis dos que ten realmente. Ademais, Galicia resulta unha das comunidades autónomas que reciben máis aportacións pola solidariedade territorial nun modelo con “marxe de mellora”.
Iglesias emprazou ao goberno galego a buscar o reforzo do peso do envellecemento e a dispersión e aproveitar o Fondo de Compensación Territorial para acadar recursos adicionais. Pero para iso, apuntou, a Xunta ten que abandonar as “consignas partidistas” e traballar a favor de tódolos galegos e galegas.
Irresponsabilidade fiscal
A responsable socialista criticou a “irresponsabilidade fiscal de libro” do goberno galego, que reclama máis financiamento mentres reduce os ingresos propios por practicar “dumping fiscal”. Criticou que mentres se negan a negociar e cando rexeitan a quita de preto de 4.000 millóns de euros, ao tempo que se comportan “como nenos mimados” reclamando máis ingresos do Estado, deixan de ingresar 800 millóns de euros por rebaixas selectivas ás rendas e patrimonios máis altos.
Iglesias reivindicou a “coherencia e rigor” dos socialistas galegos, que reclaman máis financiamento a partir da mellora da proposta inicial negociando “con intelixencia, pensando por e para Galicia”, e propuxo aceptar a quita de 4.000 millóns da débeda e exercer “un autogoberno fiscal responsable”.
A parlamentaria socialista subliñou que “dende o PSdeG non imos caer na confrontación, pero tampouco na proposta dogmática nacionalista de bandeira, que defende un concerto económico que é nefasto para Galicia”. Reivindicou así “maior e mellor financiamento para a sanidade, a educación, a dependencia e a igualdade territorial”.