
Patricia Iglesias empraza ao PP a “deixar de discutir contra pantasmas que non existen” e aproveite o “marxe de mellora” do modelo ofrecido polo goberno en base aos criterios de poboación, avellentamento e dispersión
A portavoz de Economía do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, lembroulle hoxe ao conselleiro de Facenda que “negociar -o modelo de financiamento- non é unha opción, é unha obriga”. Así o dixo no debate dunha Interpelación no Pleno do Parlamento na que lle reclamou ao goberno galego que aproveite para mellorar a proposta presentada polo goberno central que “beneficia a Galicia, pero é mellorable”.
A responsable socialista comezou sinalando a “incoherencia política evidente” do goberno galego, que hai dous meses pedían 500 millóns de euros e hoxe rexeitan 587 por seguir a estratexia do “paripé político” de Feijóo e o seu “non a todo” sen presentar un modelo alternativo. Advertiu que están a “discutir contra pantasmas que non existen” mentres rexeitan recursos para a sanidade, a educación ou a dependencia.
Acusou ao PP de reclamar máis recursos ao Estado ao tempo que se negan de forma “incomprensible” a aceptar a quita de 4.000 millóns de débeda e deixan de ingresar na sanidade, a educación ou a dependencia preto de 800 millóns de euros en forma de “agasallos fiscais” para os máis ricos. Criticou a “irresponsabilidade fiscal de libro” de quen reclama máis cartos pero perdoa impostos ao 4,2 por cento dos galegos e galegas con maiores rendas.
Marxe de mellora
Iglesias esixiulle ao PP e ao goberno galego que aproveiten a “marxe de mellora” para incrementar o financiamento para Galicia axustando a ponderación da poboación axustada, incrementando o financiamento pola dispersión e o avellentamento, ou a entrada en xogo do Fondo de Compensación interterritorial. Emprazou ademais ao PP a retomar a Comisión de Estudo do Sistema de Financiamento para acadar unha posición común galega.
A parlamentaria socialista presentou a posición construtiva e responsable do PSdeG mentres, advertiu, que a día de hoxe “seguimos sen coñecer a proposta do goberno galego do PP sobre o financiamento”. Na outra banda, apuntou que “o BNG queda fóra do debate real do financiamento porque antepón o dogma do concerto económico aos intereses reais de Galicia”, cunha proposta de “concerto económico insolidario” que é “nefasto” para Galicia.