
Elena Espinosa lamenta a falla de mecanismos efectivos e de compromisos concretos para avanzar na protección da infancia e a prevención das condutas aditivas
Lamenta a falla de acordo por parte do PP que apenas aceptou dúas emendas técnicas das 60 presentadas polos socialistas galegos “con vocación de consenso e sentido de país”
A portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Elena Espinosa, dixo hoxe que a Lei de Protección da Saúde dos Menores e das Condutas Aditivas constitúe un “compendio de boas intencións” que chega ao Parlamento “baleiro de contido”. Así o dixo no debate do ditame desta norma na Comisión de Sanidade, previo ao seu debate final no Pleno do Parlamento.
A responsable socialista advertiu que o texto presentado pola Xunta “carece de mecanismos efectivos nin compromisos concretos que permitan avanzar na protección da infancia e na prevención das condutas aditivas”. Afeoulle ao PP que o texto só incorpora “ideas xenéricas, sen prazos e sen ambición política” nun compendio de xeneralidades que “promete pero non garante, que define obxectivos pero non establece ferramentas nin recursos” para acadalos.
Espinosa acusou ao PP de rexeitar a practica totalidade das 60 emendas presentadas polos socialistas galegos “con vocación de consenso e sentido de país”, e co obxectivo de fortalecer o texto. Sen embargo, tan só aceptaron dúas emendas técnicas e propuxeron unha transacción apenas sen contido, facendo un texto “débil” e unha nova “oportunidade perdida”.
Redes sociais
Explicou que o texto aborda por exemplo o uso adecuado e seguro de videoxogos, redes sociais e dispositivos conectados pero sen asumir a responsabilidade dun regulamento futuro, polo o que os socialistas galegos presentaron unha emenda para reclamar un catálogo de programas preventivos para o uso adecuado e seguro destas tecnoloxías, pero que foi rexeitada de plano. En definitiva, medidas sen concreción que deixan a protección da saúde dos menores nun “exercicio de retórica”.
Finalmente, criticou que esta Lei repite un problema na xestión do goberno galego, que “tende a cargar sobre os concellos responsabilidades que non lles corresponden”, como neste caso a atención aos menores en situación de vulnerabilidade. Sinalou que “por suposto que os concellos deben colaborar, pero non poden seguir asumindo funcións que superan claramente o seu ámbito competencial”.
Chamou ao PP e ao goberno galego a deixar a “carreira para ver quen chega antes” na regulación e que se centren en realizar un “exercicio serio de deseño das medidas eficaces, sólidas e pensadas para a cidadanía”, porque será “a súa responsabilidade decidir se queren unha mellor Lei ou un texto débil que axude pouco ou nada aos nosos menores”.