
Silvia Longueira, Lara Méndez e Carlos López Font, deputados do Grupo Parlamentario Socialista, mantiveron esta mañá en Santiago unha reunión de traballo co secretario de Estado de Infancia e Xuventude, Rubén Pérez
O Grupo Parlamentario Socialista mantivo unha reunión de traballo co secretario de Estado de Infancia e Xuventude, Rubén Pérez, na que participaron as deputadas Silvia Longueira e Lara Méndez, así como o deputado Carlos López Font, para abordar os principais retos en materia de protección da infancia e da xuventude.
Durante o encontro analizouse o traballo desenvolvido nos últimos meses en relación coa futura Lei de Entornos Dixitais e co Real Decreto-Lei de traslado de menores migrantes, dous ámbitos considerados prioritarios para garantir os dereitos da infancia, tanto da infancia migrante como do conxunto de nenos e nenas do país.
O secretario de Estado puxo en valor o labor realizado polo Grupo Socialista no Parlamento de Galicia nestas materias e advertiu de que nos vindeiros meses se abrirá un debate relevante sobre o sistema de protección de menores, no que se están a detectar deficiencias importantes en financiamento e en recursos persoais por parte das comunidades autónomas.
Neste contexto, abordou tamén a situación dos profesionais do sistema de protección, tras os encontros mantidos cos colexios de educadores sociais e de traballadores sociais, que levan tempo alertando das dificultades nas plantillas e das condicións laborais dun sector clave para garantir unha atención adecuada á infancia en situación de vulnerabilidade.
Pola súa banda, a deputada socialista Silvia Longueira subliñou a importancia da futura Lei de Entornos Dixitais como ferramenta clave para protexer a infancia e a xuventude fronte aos riscos das redes sociais. Longueira advertiu de que arredor do 30% da publicidade que circula nas plataformas dixitais vai dirixida expresamente a nenos, nenas e mozos, unha realidade que explica a resistencia das grandes corporacións dixitais a calquera tipo de regulación.
A deputada sinalou que estas plataformas “teñen un interese económico evidente en manter o statu quo”, xa que a infancia e a xuventude constitúen un público estratéxico para o seu modelo de negocio, polo que defendeu a necesidade de avanzar nunha lexislación que poña límites claros cando están en xogo dereitos fundamentais.
Longueira explicou ademais que o anteproxecto da Lei de Entornos Dixitais, no que está a traballar o Goberno de Pedro Sánchez, atópase nunha fase avanzada e que as comunidades autónomas deberán participar activamente no desenvolvemento das competencias que recolla a futura norma.