Silvia Longueira cuestiona a “propaganda” do PP dende o goberno galego para agochar unha “rede mixta desequilibrada” que, en lugar de garantir un servizo público, “se limita a parchear con convenios e cheques”
A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Silvia Longueira, acusou hoxe ao PP de “substituír o dereito a unha educación pública temperá pola subvención encuberta á privada”. Longueira presentou unha pregunta oral na Comisión de Política Social na que criticou que a “universalidade” das escolas infantís é en realidade “universalidade de propaganda, non de dereitos efectivos”.
A responsable socialista criticou que a Xunta “non incrementou de maneira suficiente a rede pública” de escolas infantís, senón que “se limitou a financiar tamén prazas privadas”, polo que “en moitas cidades, as familias seguen sen ter praza pública e acaban nun centro privado sufragado co diñeiro de todas e de todos”. Advertiu que no canto de ter un “referente de igualdade, conciliación e educación temperá, temos unha rede mixta desequilibrada”.
Este é o resultado da xestión do PP no goberno galego, que anuncia un modelo “pioneiro” pero en realidade xestionan un “modelo privatizador e propagandístico”, que “se limita a parchear con convenios e cheques”. “Cada persoa pequena deste país merece unha escola infantil pública, de calidade, en galego, con profesionais recoñecidas e con dereitos garantidos, o que non merece é ser usada como reclamo electoral nin como negocio encuberto”.
Así o dixo logo de poñer enriba da mesa a situación de precariedade laboral das educadoras, con contratos temporais, salarios baixos, condicións indignas e ratios imposibles, atendendo unha sola profesional a 20 crianzas. Con estas condicións, dixo, “non hai modelo pedagóxico que aguante, e non hai neno nin nena que reciba a atención que merece”.
Longueira reclamou un Plan de Escolas Infantís Públicas que aumente a oferta onde hai listas de agarda, reducindo ratios porque “cada nena e neno merece unha atención individualizada e de calidade”, e con condicións laborais “dignas” para as profesionais, que recoñezan a súa importancia como educadoras e “non como simples coidadoras”.
Tamén esixiu que fagan do galego a “lingua natural” nesta etapa, garantindo que a transmisión lingüística comece dende os primeiros anos, xa que o PP “nin garante nin promove o galego nestes centros”. Criticou que malia que o discurso oficial “fala de galego”, a práctica “é de abandono” e, advertiu, “cando se abandona o galego na primeira etapa educativa, o que se sementa é a súa desaparición nas novas xeracións”.