Carmen R. Dacosta esíxelle ao goberno galego que dea conta do despilfarro dun “investimento millonario” nun balneario que “leva 20 anos pechado” e reclamou un “Plan B” para cando remate o novo concurso
A parlamentaria socialista Carmen Rodríguez Dacosta acusou hoxe ao PP de facer do balneario de Berán, no concello de Leiro, un “monumento ao abandono institucional e ao malgasto de fondos públicos”. A responsable socialista presentou unha pregunta oral para esixirlle ao goberno galego que dea conta do despilfarro dun “investimento millonario” durante os últimos 20 anos para unhas instalacións que seguen pechadas.
Sinala que se trata dun “exemplo de manual do que non se debe facer con recursos públicos”,
logo de dúas décadas inxectando dende a Xunta e a Deputación “subvencións, convenios,
investimentos directos e actuacións de rehabilitación”. Sen embargo, despois de todo este esforzo
“o resultado é o mesmo: portas pechadas, instalacións sen uso e a veciñanza decepcionada” por
un goberno que “mira para outro lado sen esixir responsabilidades nin garantir o retorno de cada
euro investido”.
Dacosta esixiulle ao goberno galego que poña enriba da mesa “un Plan B” para o caso de que a
nova licitación quede deserta, e que explique “canto diñeiro público se gastou no balneario de
Berán dende o ano 2000”.
Sinalou que o investimento, que o director xeral ten cifrado en 3 millóns de euros sen dar conta do
investimento das demais consellerías, que teñen entregado a mans cheas sen estudos de
viabilidade económica, sanitaria ou turística. A parlamentaria socialista acusou ao PP de ter
agochado dende o goberno estes estudos, “se é que existen”, demostrando que se trata dun
“proxecto improvisado e sen garantías dende o inicio”.
Acusou ao goberno galego de “xogar ao despiste” sinalando á última licitación por parte da
entidade Local Menor de Berán, cando “prefiren poñer parches e mirar para outro lado en vez de
asumir responhsabilidades”. Esixiu “respecto aos recursos públicos, á veciñanza do Ribeiro e á
credibilidade da política termal de Galicia”, logo de vinte anos “perdidos” polo desleixo do goberno
galego.