
Lara Méndez explica que o PP quita unha quenda de intervención á oposición nunha comparecencia que convocan na Comisión de Industria limitando as iniciativas presentadas polos grupos parlamentarios
Critica que o Plan Estratéxico de Comercio da Xunta non está nos Orzamentos de 2026, o que demostra que é “mera propaganda” e un “paraugas” no que poñer “todo o que xa se estaba a facer”
A portavoz de Comercio do Grupo Socialista, Lara Méndez, acusou hoxe ao PP de “roubar a democracia” no Parlamento de Galicia para quitarlle “tempo e espazo á oposición” ao quitar unha das dúas quendas de réplica. Méndez criticou que o goberno galego impoña unha comparecencia sobre comercio na Comisión de Industria para limitar as iniciativas presentadas polos grupos parlamentarios para despois reducir as quendas de intervención.
Méndez dixo que é o PP o que está a limitar a presenza da oposición incluíndo unha comparecencia para presentar un Plan do que xa deron conta o propio Rueda, o conselleiro en dúas ocasións e a portavoz do PP tres veces. Empregou para iso o argumentario que o propio PP están a empregar en Estremadura para dicirlles que son eles os que están “roubando a democracia” na Cámara autonómica, xa que con esta escusa só permiten dúas proposicións non de Lei da oposición.
A responsable socialista dixo que o debate de hoxe foi “estéril” por cando o director xeral de Comercio “non aportou nada, non deu un dato novo que non coñecéramos e ademais non deixan replicarlle porque o PP ‘rouboulle’ de forma unilateral aos grupos parlamentarios unha das dúas quendas de intervención que adoitan ter nas comparecencias”
Advertiu que “non estamos para facerlle os coros da propaganda do PP”, logo de explicar que este Plan de Comercio, que supostamente vai destinar 320 millóns de euros para o período 2025-2030, en realidade non está reflectido nos orzamentos da Xunta. Dixo que o investimento suporía 53 millóns de euros cada ano, pero a realidade é que nos orzamentos para 2026 replican a partida de 22 millóns de euros para comercio que xa incluíran o ano pasado, sen rastro do novo investimento.
Isto demostra que en realidade é un “paraugas que alberga todo aquelo que se está a facer”, e co que anuncian un investimento “que non se está a cumprir”, ademais de que eluden incluír datos do seu alcance, das persoas ás que beneficia, os comercios que incrementa ou as remudas xeracionais. Sinalou que o PP segue “gobernando coa única estratexia dos bonos, que non transforman nin reverten unha situación preocupante para o comercio”.