

Lara Méndez reclama un Plan integral de control da especie e axudas ás persoas afectadas polos danos que está a producir
A portavoz de Medio Rural do Grupo Socialista, Lara Méndez, acusou hoxe ao PP e ao goberno galego de “poñerse de perfil e mirar para outro lado” diante da expansión do xabaril en Galicia. Así o dixo logo de que rexeitaran a proposta que levou hoxe á Comisión de Agricultura do Parlamento para reclamarlle á Xunta un Plan integral para o control da especie e axudas ás persoas afectadas polos danos que provoca.
Méndez advertiu que as medidas postas en marcha por Medio Ambiente “non son novas nin eficaces”, xa que a día de hoxe estanse a rexistrar máis de 11 accidentes de tráfico diarios ocasionados polo xabaril, que continúa a incrementar a poboación, con máis de 180.000 exemplares estimados. Sinalou que “en termos económicos segue a haber perdas millonarias nos cultivos e tamén pagos millonarios en indemnizacións”, que no último exercicio ascendían a 3 millóns.
Criticou que a única medida posta enriba da mesa por parte do goberno galego sexa a gratuidade da licenza para armas de caza aos menores de 16 anos e persoas con discapacidade, incorporada á Lei de Acompañamento dos Orzamentos deste ano, polo que xa entrou en vigor o 1 de xaneiro. Ironizou con que o PP estea “máis preocupado polo relevo xeracional na caza que no agro” e no medio rural galego.
Sinalou que “se a Xunta está a facer todo o posible -como dixo hoxe a portavoz do PP- e os datos van a peor vai ser mellor que marchen”, e criticou que tan só estean preocupados de “buscar culpables e trasladar competencias e responsabilidades” de novo aos concellos e de novo sen incluír recursos económicos. Advertiu que “o problema está nos montes, nos campos, nas infraestruturas e tamén nas nosas casas”, xa que “o que lles queda é pedir que os domestiquemos”.
Esixiulle ao goberno galego que asuma a “autocrítica” e presente un informe que permita avaliar o alcance do xabaril en todo o territorio galego con medidas de control da especie que supón un perigo para as explotacións agrarias, para a circulación viaria e tamén para a sanidade pública, xa que constitúe un “reservorio de enfermidades”.