Patricia Iglesias advirte que queren impoñer unha administración “colonizada por cargos políticos” e consolidar as redes clientelares do PP
A portavoz de Transparencia do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, acusou hoxe ao PP de “politizar” a designación de directores e directoras territoriais co decreto 48/2024 do 22 de abril co que a Xunta elimina o requisito de que estes cargos estean ocupados por empregados públicos. Iglesias presentou unha proposición non de Lei na Comisión Institucional do Parlamento para reclamar a modificación da norma, pero foi rexeitada polo PP.
A responsable socialista advertiu que o PP está a abrirlle as portas do goberno “á politización das estruturas administrativas e ao uso partidista da administración”, impoñendo unha estrutura “colonizada por cargos políticos” mentres consolidan as redes clientelares do seu partido. Advertiu que “a transparencia e a boa xestión non soin compatibles co clientelismo nin co nepotismo institucionalizado”.
Explicou que o exercicio da autoridade pública “só pode recaer no persoal funcionario de carreira”, tal e como figura na Lei do Emprego Público de Galicia e na lexislación básica estatal, e advertiu que “a designación a dedo non pode converterse nun atallo para exercer competencias que requiren garantías xurídicas e neutralidade institucional”.
Iglesias retrucoulle ao Grupo Popular criticando a súa “obscena insistencia en dar leccións de ética pública cando o seu historial e os seus casos pendentes de corrupción son abondo como para calarse, se teñen un pouco de vergoña”. Apuntou que os socialistas “cortamos de raíz a corrupción, mentres o PP a rehabilita, como no caso do ex director xeral imputado na trama de hidrocarburos da Audiencia Nacional polo que a Fiscalía pide 53 anos de prisión”.
Proposta
A responsable socialista pediu a través desta iniciativa que os postos de directores e directoras territoriais da Xunta sexan provistos por persoal funcionario de carreira dos grupos A1 e A2 “mediante procedementos obxectivos e transparentes, baseados en criterios profesionais e non políticos”. Explicou que o seu papel “non pode depender da confianza política, senón da súa formación, experiencia e neutralidade”.
Ademais, esixiu que, mentres a Xunta manteña o sistema imposto polo PP, “eses cargos se absteñan de exercer funcións que impliquen autoridade pública”, que constitúe “unha esixencia de legalidade, de bo goberno e de respecto institucional”, e sinalou que “non se pode exercer poder administrativo sen o respaldo da condición funcionarial nin garantías de imparcialidade”.