

Elena Espinosa denuncia que poñan “pedras no camiño” ao bloquear a ampliación das zonas de cultivo, e aféalles que “falan moito do rural, pero nin pensan nel nin teñen a mínima intención de axudalo”
A parlamentaria socialista Elena Espinosa acusou hoxe ao PP de ter paralizada a concentración parcelaria da zona de Estás – Goián – Figueiró, no Concello de Tomiño, pendente dende hai 33 anos. Así o dixo logo de que o PP anunciara o voto en contra á proposición non de Lei que reclamaba recursos para a posta en marcha da parcelaria pendente, bloqueada dende que o PP volveu á Xunta en 2009.
A responsable socialista acusou ao PP de poñer “pedras no camiño” do sector agrario ao impedir a ampliación das zonas de cultivo, demostrando que “falan moito do rural, pero nin pensan nel nin teñen a mínima intención de axudalo”. Censurou que con esta decisión “entorpecen e ralentizan” a expansión da explotación agraria dun concello que queda “desprotexido a nivel competitivo por mor dun proceso inacabado por falta de interese da Xunta de Galicia.
Espinosa lembrou que o goberno presidido polo socialista Pérez Touriño foi o último que impulsou o proceso de concentración parcelaria do concello, rematando a entrega de títulos de Os Panascos, pero o proceso pendente, o de Estás – Goián – Figueiró, quedou pendente de aprobar o trazado e a presentación de fincas.
Acusou ao goberno galego de manter paralizada dende entón a última fase, que se refire á reorganización da propiedade e a confección dos novos títulos, a acta de reorganización que inclúe as xestións notariais, o rexistro da propiedade, as tramitacións con facenda e a entrega final dos títulos.
Con esta paralización impiden aproveitar a potencialidade dunha zona privilexiada, que conta co carácter emprendedor dos produtores locais e unha posición estratéxica no Baixo Miño para o cultivo de froitas coma o kiwi, plantas ornamentais e viñedos, ademais dos sectores secundario e terciario.