Silvia Longueira lembra que a candidata forma parte do equipo directivo que provocou 365 venres negros en contra da manipulación política e a persecución laboral no ente
A responsable do Grupo Socialista na Comisión da CRTVG, Silvia Longueira, acusou ao PP de “perverter” o proceso de escolla da próxima directora xeral da antiga CRTVG, que agora será Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia, para impoñer a unha candidata cun “vencello inmediato” co PP. Así o dixo na sesión da Comisión na que o PP aprobou en solitario a candidatura que continúa o trámite parlamentario.
Longueira salientou que o PP “nunca escondeu as súas intencións” dende que o pasado 14 de marzo aprobou a Lei de Servizos dos Medios Públicos de Comunicación Audiovisual, logo de 14 anos incumprindo a Lei anterior para non acordar ao máximo responsable do ente. Lamentou que desbotaran todo chamamento do Grupo Socialista pedindo un candidato imparcial para impoñer unha persoa que “non nos representa e non representa á cidadanía plural”.
Explicou que a persoa escollida neste proceso, no que tampouco escoitaron ao Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, foi precisamente a responsable de Información e Documentación nunha etapa marcada polos xa 365 venres negros cos que a plantilla está a denunciar a manipulación política e acoso laboral do persoal. Unha etapa, dixo, que remata coa maior caída da audiencia, contidos e calidade da CRTVG, que atesora unha “pésima valoración” por parte da poboación.
Advertiu que vai suceder á dirección “responsable da mala praxe” na xestión dos recursos humanos cunha cascada de despidos improcedentes ou nulos e directivos imputados por acoso laboral, e que tamén abandonou o papel dos medios públicos galegos na defensa da lingua, á que ten “relegado a un pasado que nin se recorda”.
Silvia Longueira sinalou que a candidata, como responsable da Documentación, “nin se preocupou nin fomentou nin fixo medrar” o arquivo da TVG, que debera ser “a maior testemuña da historia contemporánea de Galicia.