Silvia Longueira cuestiona a “perversión” do procedemento para renovar á dirección do ente mudando a Lei para sortear o acordo parlamentario e impoñer unha dirección de parte
A portavoz do Grupo Socialista na Comisión da CRTVG, Silvia Longueira, acusou ao PP de escoller á persoa “máis radical posible” á fronte do ente. Así o dixo a responsable socialista na sesión da Comisión que se celebrou hoxe e na que interveu a candidata imposta polo PP logo de “perverter” o procedemento ao mudar a Lei para sortear o acordo parlamentario.
Longueira ironizou con que a candidata “competía” con Feijóo e Rueda para dirixir o ente, pero finalmente “escolleron á máis radical”, e lembrou que ela é a responsable dos informativos do ente nunha das etapas máis negras de manipulación e persecución política aos profesionais deste medio. Unha situación que, lembrou, desembocou en 366 venres negros nos últimos 7 anos en protesta polo uso político dos medios públicos de comunicación.
Resumiu que a candidata “chega en contra” da oposición parlamentaria, lonxe do consenso que requiría a anterior Lei de Medios Públicos, e que foi posible porque o goberno galego impuxo unha norma á súa medida. Esa norma, aprobada este mesmo ano para acelerar a renovación na dirección do ente, foi elaborada de costas ao resto dos grupos parlamentarios, ao Colexio de Xornalistas e á Mesa do Audiovisual.
Subliñou que “queremos querer á Galega, pero a Galega non nos quere a nós” polo férreo control político imposto dende a dirección do ente da que vén formando parte a candidata do PP como responsable dos informativos e do arquivo do ente.
Alertou fronte ao “sesgo” nos contidos do arquivo da CRTVG porque só se preocupan de atender ás convocatorias do PP e do goberno, deixando á marxe “reunións de sindicatos, congresos e demais”. Advertiu que 10 anos despois de ter desmantelado a información local, carecen de documentación sobre toda a realidade local de “moitísimas cuestións que deixaron de lado, porque na liña política da TVG non deben de acontecer”.