

Aitor Bouza critica que o goberno galego estea a “torpedear” a declaración de zonas tensionadas nos concellos
O portavoz de Vivenda do Grupo Socialista, Aitor Bouza, criticou a proposta do goberno galego de habilitar baixos comerciais como vivendas e pisos de 26 metros cadrados: “Queren meter á mocidade en cuchitrís”. Bouza interveu na comparecencia da conselleira de Vivenda e Infraestruturas no Parlamento para presentar os Orzamentos do seu departamento para o próximo ano.
O responsable socialista esixiulle á conselleira “garantías” de que estas vivendas conten cos parámetros mínimos de habitabilidade e que “expliquen á cidadanía como van facer e con que recursos”. Advertiu que o goberno galego “non pon os cartos necesarios” para garantir vivenda digna para os mozos e mozas cando 3 de cada 4 quedan sen bono alugueiro, sinalando que máis de 12.200 solicitudes non puideron optar ás axudas.
Bouza cuestionou a xestión dos fondos por parte do goberno galego, que na primeira metade de 2025 ten deixado sen executar o 95 por cento dos fondos do programa de Acceso á vivenda, unha partida na que no ano 2024 deixaron sen investir o 70 por cento das partidas previstas. Resumiu que “de nada serve ter orzamentos en tempo e forma para despois non executalos”.
Criticou que a política de Vivenda do goberno galego se limite a un “carrusel informativo de promesas” logo de 17 anos de desleixo con datos desastrosos como as 20 vivendas que construíron entre 2015 e 2019, e as 6.313 nos 13 anos restantes. Estas cifras, dixo, palidecen fronte ás 7.241 vivendas de protección oficial construídas polo goberno presidido por Pérez Touriño apenas en 3 anos e medio.
Denunciou que a súa única medida sexa “torpedear” a Lei de Vivenda para impedir por tódolos medios a declaración de zonas tensionadas, desprazando aos concellos a responsabilidade de elaborar a documentación que lle corresponde ao goberno galego sen darlles ademais recursos. Esixiulle que garantan fondos aos gobernos locais e desbloqueen a aplicación desta norma concibida para acometer “solucións inmediatas” a un problema prioritario para a cidadanía.
Infraestruturas
Bouza esixiulle á conselleira que “ademais de facer anuncios, estaría ben que executaran” as partidas previstas para as infraestruturas, e reclamoulle que sigan o exemplo do goberno central, que ten bonificado as peaxes nas autoestradas estatais, e bonifiquen tamén as peaxes das autoestradas A Coruña – Carballo -AG-55- e Puxeiros – Val Miñor. Ironizou así co “modelo PP” da xestión das autorestradas, que pasa por “”ter a titularidade pero que paguen os galegos e as galegas”.