Silvia Longueira alerta de que 6.571 persoas faleceron entre 2017 e 2024 agardando pola axuda á Dependencia, 345 o ano pasado
A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Silvia Longueira, acusou ao PP de converter ás persoas maiores en “vítimas silenciosas na súa falla de planificación” e desleixo na xestión da Dependencia. Longueira presentou unha moción no Pleno do Parlamento para reclamarlle á Xunta un Plan Estratéxico de Servizos Sociais, que cumpra co Decreto estatal de servizos Sociais e que faga un Plan de actuación para xestionar o Servizo de Axuda no Fogar -SAF-, que foi rexeitada polo PP.
A responsable socialista advertiu que “hai milleiros de persoas dependentes agardando por unha prestación, e milleiros de traballadoras do SAF que seguen nunha situación de precariedade inxusta e vergonzosa”. Neste sentido, explicou que 6.571 galegos e galegas faleceron na lista de espera da Dependencia entre 2007 e 2024, 345 delas só no último ano e que representan a faciana máis tráxica dunha xestión que “fai auga por todas partes”.
Longueira apuntou que a “ausencia de liderado e acción de goberno” está a prexudicar ás “persoas maiores, ás dependentes, ás que coidan e ás que son coidadas”. Dixo que hoxe hai 720.000 galegos e galegas maiores de 65 anos abocados a padecer un sistema que leva “anos sen dirección nin horizonte”.
Criticou que o goberno galego teña derivado nun “sistema asistencialista, fragmentado e sen planificación, que depende máis da boa vontade dos concellos e das entidades sociais que do impulso da Xunta”. Alertou da falla de coordinación real entre administracións, de avaliación de resultados e de indicadores públicos e rendición de contas cando, engadiu, “sobre todo non hai vontade política de facer dos servizos Sociais un piar tan sólido como o sanitario ou o educativo”.
Longueira dixo que o PP está a “renunciar deliberadamente a garantir dereitos” cando a Xunta “non planifica, non dota de recurso e non aplica o que lle manda a Lei” e deixa ao sistema “funcionando a base de parches, de subvencións dispersas e titulares sen contido”. A parlamentaria socialista reclamou un modelo público “planificado, estable e transparente”, cun goberno “que planifique, que cumpra e que actúe”.
A parlamentaria socialista defendeu unha moción na que lle esixía á Xunta que presentara en 6 meses o Plan Estratéxico previsto na Lei de Servizos Sociais que tiñan ter entregado hai 16 anos, dende que se aprobou o texto lexislativo. Tamén esixe que aplique as medidas promovidas polo Real Decreto de 10 de setembro que regula o servizo no fogar que mellora das condicións laborais das persoas traballadoras que prestan atención directa e que a Xunta “nin adapta nin aplica”.
Tamén lles reclamou que resolvan antes de decembro un Plan de actuación que garanta a prestación de servizos e regule os dereitos das persoas traballadoras e usuarias do SAF, “de xeito que a normativa e prestacións non entren en colisión”.