Elena Espinosa empraza ao PP a aceptar a proposta do PSdeG para aumentar a presenza do Consello de Contas no Parlamento e adiantar a aprobación do Plan de Traballo
A portavoz do Grupo Socialista na Comisión do Consello de Contas, Elena Espinosa, advertiu hoxe que ao PP e ao goberno galegoos informes e recomendacións do Consello de Contas “non lles gustan” e incluso “lles aterrorizan”. No debate do último informe de Fiscalización, que tivo lugar no Pleno do Parlamento de hoxe, acusou ao PP de “blindar a opacidade” sobre o Consello de Contas ao que seguen a facer “caso omiso”.
Espinosa, que comezou a súa intervención sinalando “paremos o xenocidio en Gaza”, afeoulle ao PP e á Xunta que “ano tras ano” desatendan as conclusións e as propostas de mellora do ente fiscalizador, que presenta en base a “criterios técnicos, non partidistas”. Esixiu que “muden esta práctica” coa que converten os debates sobre os informes de Contas nun “mero trámite” cando o ente “fiscaliza, pero a Xunta desatende e non aplica as resolucións e o PP rexeita tódalas propostas da oposición”.
Puxo como exemplo o debate de hoxe sobre o informe de fiscalización do Consello de Contas sobre os informes de fiscalización contidos na Memoria de Actividades de 2023, á que os socialistas galegos presentaron 38 resolucións e o PP só ofreceu dúas transaccións, das que unha delas desvirtuaba a proposta inicial. Finalmente só aprobaron unha proposta para que o Sergas axilice os procesos de reclamacións de responsabilidade patrimonial.
Modificación das normas
A responsable socialista emprazou ao PP a asumir que o Consello de Contas “é un aliado da democracia e unha garantía de transparencia”, polo que lles reclamou que acepten a proposta do Grupo Socialista para modificar as normas de funcionamento da Comisión parlamentaria dedicada ao ente. Espinosa aludiu á proposta para incrementar os debates sobre os informes de Contas e adiantar a presentación do Plan de Traballo.
En primeiro lugar, pediu incrementar a presenza do Consello de Contas, que o PP está a reducir “de facto” a unhas poucas sesións en pleno verán para provocar que os debates queden desfasados e opacados. Ademais, reclamou adiantar a presentación do Plan de Traballo -que agora chega ao Parlamento cando xa pasou a metade do ano- ao mes de decembro para que sirva realmente como ferramenta de planificación.
Texto da proposta de Resolución aprobada hoxe:
Resolución ao Informe de Fiscalización do sector público e aprobada hoxe:
Transacción da Resolución núm. 21 do PSdeG:
-“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a continuar a traballar para mellorar e axilizar por parte do Sergas os procesos de reclamacións de responsabilidade patrimonial, reforzando a análise sobre os incidentes acontecidos e para avanzar no obxectivo da súa minoración, promover criterios homoxéneos que garantan unha maior calidade da instrución e regular o funcionamento da Comisión de Seguimento existente”.