
Elena Espinosa empraza a Sanidade e Política Social a reforzar o persoal inspector e presentar un informe anual diante do goteo de irregularidades detectadas nos centros sanitarios e as residencias de maiores de Galicia
A portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Elena Espinosa, acusou hoxe ao PP de “agochar” os informes de inspección dos centros sanitarios e as residencias de maiores privados e concertados que operan en Galicia. Espinosa denunciou o “escurantismo” do goberno galego logo de que o PP rexeitara a proposta que presentou na Comisión de Sanidade reclamando un informe anual co resultado das inspeccións nestes centros e o reforzo do persoal inspector.
Espinosa retrucoulle á portavoz do PP, que aseguraba que o corpo de inspectores é suficiente, ofrecendo retirar a parte na que reclamaba o reforzo do corpo a cambio de que aceptaran presentar o informe anual cos resultados do seu traballo. Sen embargo o PP tampouco aceptou esta proposta, polo que, concluíu, “ou agochan algo ou faltan á verdade”.
A responsable socialista reclamoulle ás consellerías de Sanidade e de Política Social que se tomen en serio as denuncias que están a ser coñecidas sobre as presuntas irregularidades nestes centros, fóra de Galicia cun hospital do Grupo Ribera que operaba en Madrid, pero tamén dentro de Galicia.
Apunta que estas carencias afectan directamente á calidade da atención e á dignidade dos coidados que reciben os usuarios e usuarias dos centros, cando se trata dun servizo básico sensible no que a calidade asistencial “non pode verse resentida nin diluída en ningún caso”.
Referiuse ás denuncias do Defensor del Pueblo sobre a situación do sanatorio A Robleda, no Concello de O Pino, así como as numerosas deficiencias nas residencias ou centros da terceira idade. Aludiu ao peche da vivenda comunitaria Xardín de Amoeiro, ou ás denuncias nas residencias xestionadas por Serge Lucense, como A Veiga -A Pobra de San Xiao- ou Galega de Servizos Xeriátricos -Guntín-.
Nestes últimos puxeron de manifesto o presunto incumprimento das ratios de persoal para a atención directa, que non chegan nin aos mínimos fixados para os centros privados. Engade ademais as queixas de familiares e usuarios da Residencia de Maiores de Castro de Rei, relacionadas coa falta de persoal suficiente, sinaladamente de auxiliares, así como de xeriocultoras e xeriocultores.
Espinosa alertou da necesidade de contar con persoal de inspección suficiente e dun sistema rigoroso de control e avaliación tanto nos centros públicos como privados ou concertados para garantir que a cidadanía conte cunha atención de calidade con independencia de quen preste o servizo. Sinala que o incremento da externalización dos servizos non se veu acompañada dun reforzo equivalente no persoal inspector da Xunta, que é responsable última da calidade do servizo.