

Paloma Castro denuncia “improvisación e irresponsabilidade” da Xunta ao negarse a actualizar o convenio co Estado, caducado dende hai 10 anos, como xa fixeron Andalucía ou Madrid
A portavoz de Interior do Grupo Socialista, Paloma Castro, criticou hoxe que o PP estea a empregar dende o goberno galego á policía autonómica como “arma política contra o goberno de España”. Castro presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento para esixirlle ao conselleiro da Presidencia que desbloquee o convenio co Estado que leva dez anos caducado e que permitiría cubrir tódolos efectivos deste corpo.
A responsable socialista reclamoulle que “deixen de confrontar e súmense á legalidade” como xa fixeron autonomías gobernadas polo PP como Andalucía este ano ou Madrid no 22, que xa teñen renovados os seus convenios. Explicou que este convenio suporía que Galicia asumira o custe da metade dos salarios da policía autonómica, cando “ninguén cuestiona que a Xunta asuma os salarios dos profesores galegos ou dos médicos dos hospitais públicos de Galicia”.
Criticou a “improvisación e irresponsabilidade” do conselleiro, que non quere asumir 10 millóns de euros para pagar á policía autonómica nun orzamento de 14.240 millóns de euros para un corpo que afecta a “todas as áreas”. Lembrou como exemplo que é o corpo encargado da escolta do presidente, a xustiza, traslado de menores, apoio á protección das vítimas de violencia machista, vixilancia forestal, o furtivismo ou a seguridade no Camiño de Santiago.
Castro advertiu que o goberno galego vai na dirección contraria e é responsable da “redución progresiva de efectivos”, que aproveita para “substituír a súa presenza por seguridade privada”, reducindo o seu papel e contribuíndo así á “perda de experiencia, estabilidade e especialización na seguridade institucional.
Privatizar a seguridade
Castro esixiulle ao conselleiro que “deixe de privatizar a seguridade pública e de utilizar á Policía Nacional como arma arroxadiza”. Aludiu así á progresiva redución do corpo na sede do goberno galego ou agora no propio Parlamento, onde van deixar un único axente, o que constitúe “unha irresponsabilidade total que supón poñer en perigo a seguridade dos policías que quedan solos nos postos”.
Esixiulle ao conselleiro que “faga o seu traballo e acade un acordo co Estado para dotar de novos axentes á policía galega”, antes de lembrar que Galicia conta co máximo histórico de axentes de Policía Nacional e Garda Civil, con case 9.000 efectivos, logo do esforzo “sen precedentes” do goberno de Pedro Sánchez para repoñer a caída de efectivos da etapa de Rajoy, co que Galicia recuperou os 500 axentes que perdera co PP e hoxe ten 700 efectivos máis que en 2017.